Consejos y avisos

18/11/11

Outro templete da musica?

Continuamos dándolle voltas á fantástica fotografía do amigo Cándido Ventim.
Hoxe tráiovos, outro detalle que creo que presenta a suficiente orixinalidade, como para que algún dos afeccionados á arquitectura antiga da nosa cidade lle de unhas voltas.
Sabiades da existencia dun templete de música no comezo da ponte da Burga?
Sinto que a fotografía esta tan pouco visible, pero non se me ocorreu outra forma de axudarvos a identificar a zona, que poñerlle os nomes.
Ao lado do que eu chamo templete, podedes ver perfectamente o edificio que aínda hoxe existe de Mármores Piñeiro, continuando cara á parte superior da fotografía, podemos pasear polo que hoxe é Doutor Marañón, ata que nos encontremos o muro da parte de casa dos Marqueses de Leis, que estes cederon en uso ao Colexio Cisneros, recordade que a entrada estaba pola rúa da Barreira, e houbo de ser derrubado precisamente para dar saída a Doutor Marañón.
A continuación recoñecemos o resto da fachada posterior da casa dos Marqueses, que segue en pé na actualidade.
E finalmente chamar a vosa atención sobre a antiga balaustrada da ponte da Burga, que como podedes ver orixinariamente era de pedra, e non de forxa como actualmente.
A título anecdótico, tamén vos sinalo a leira dos Taboada Tundidor, que bordeaba as Burgas, e chegaba ata o que hoxe é Doutor Marañón.

Estaban programadas a entrada de hoxe e a do luns, que rematan de momento esta serie; cando o irmán do amigo Cándido, me comunica que este tivo un accidente e está ingresado na Residencia.
A pesar da gravidade, espero que sexa capaz de recuperarse o máis pronto posible, para poder seguir gozando da súa axuda, e das discusións construtivas que con tanta frecuencia mantiñamos.
Animo Cándido.

No hay comentarios: