Consejos y avisos

2/11/11

A praza de Paz Novoa e a casa de Ernesto


Descoñecemos os medios empregados, pero nos anos sesenta realizáronse unhas vistas aéreas da cidade.
Grazas a elas pouco a pouco imos descubrindo detalles de edificios e rúas, que non foron obxectivo dos fotógrafos de xeito directo, ou polo menos non encontramos de momento fotografías que os mostren.
Revisando unha delas, e despois de buscala por outros medios, (non hai moito tempo, ensínevos un debuxo realizado por Florentino Moretón, no que se vía por detrás, e hai unhas semanas o propio Ernesto me deixo un óleo seu no que se ve a fachada que outro día vos ensinarei); descubrimos a casa de Ernesto.
Hoxe é complicado entender, debido aos grandes cambios que sufriu a cidade; pero se conseguimos imaxinar como foi o desenvolvemento non teremos demasiados problemas para comprendelo.
Non é preciso irse aos primeiros límites da urbe, situados como sabedes na Catedral, as Burgas e a Trinidade; senón que abonda con irse aos anos sesenta, en que a zona delimitada por Concordia (Hospicio), Progreso, Concejo e Santo Domingo, só era cruzada pola rúa do Paseo; o cal daba lugar á existencia de leiras e xardíns no que hoxe coñecemos como centro urbano.
Aínda hoxe en día quedan algúns restos daqueles terreos, como poden ser as traseiras do edificio da Delegación de Defensa, antigo campo dos Maristas, que vedes na imaxe, e pequenos xardíns na mazá que hai entre Paseo e Santo Domingo. Moitos seguro que aínda recordades o Chalé Losada en plena rúa do Paseo, hoxe edificio Viacambre.
Na fotografía tedes unha vista perfecta do terreo que hoxe ocupa a praza de Paz Novoa, (márquevola en vermello aínda que creo que non era preciso), e no seu interior, a casa e o taller que o meu amigo Ernesto Ferro lembra con tanto cariño.

No hay comentarios: