Fotografía do arquivo de Don Francisco Blanco (fillo)
Nun par de ocasións, xa mencione este negocio no blog; sabedes que non me custa nadiña, dar a razón a quen a ten, e máxime cando se trata de persoas maiores. Dicía a miña avoa, (e mais boa xente), "a ignorancia é moi atrevida".
Ao comezar a aventura de intentar recuperar as imaxes do noso Ourense, eran (e aínda son por desgraza), moitas as lagoas que tiña en canto a datos.
O caso desta fotografía, unida ás que xa saíron do tamén reloxeiro Otto Bodmer, "Xoiería Suíza", é unha das lagoas que puiden encher, grazas á colaboración dos meus amigos.
A don Otto xa o situamos perfectamente no seu negocio da rúa Pereira 2, (onde hoxe esta Alfredo Romero), ou mellor dito Avda. de Pontevedra. É posible que teñamos que referirnos a el noutra ocasión; polo menos, cando falemos da Armería de Dona Protasia, (outra preciosa imaxe que vos mostrarei).
Ao Señor Barbosa, con todo non o situamos con precisión, a pesar de que a súa imaxe xa era coñecida, (esta fotografía gaño un premio de fotografía antiga creo que organizado polo Liceo, o ano 2002).
A principios do século XX, poida que a finais do XIX, instálase en Ourense, Don M(anuel ?). Barbosa, reloxeiro de procedencia Portuguesa; do mesmo xeito que Don Otto, sabemos que montaba reloxos, non nos atrevemos (de momento), a afirmar que os fabricaban, debido a que os datos que manexamos actualmente, indican que recibían as pezas manufacturadas, e eles realizaban o ensamblaxe final, adaptando a maquinaria montada, tanto aos preciosos reloxos de parede da época, como aos elegantes reloxos de peto que utilizaban os nosos antepasados.
A localización do seu negocio, era á beira da Viúva, na rúa do Instituto (hoxe Lamas Carvajal), en fronte á estatua do Padre Feijoo, como rezaba a súa publicidade.
Os labores de aprendiz, realizábaas o segundo protagonista da imaxe, Don Francisco Blanco, o cal co paso dos anos, termino por coller a testemuña do Sr. Barbosa, e fíxose cargo do negocio. Na actualidade, aínda que con outro nome, continúa na mesma localización, e nas mans da familia Blanco.
Proba da calidade dos artigos desta reloxería, é que aínda hoxe continúan funcionando bastantes das súas pezas, como a da imaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario