Consejos y avisos

27/6/11

Ourense de Cine

A base de xogar a coñecer a historia de Ourense, aos poucos vas descubrindo datos, que para min e para algúns de vós son descoñecidos.
Hoxe vou falarvos dun tema que posiblemente o amigo Valentín Barreiros, poida ampliarnos e se o desexa achégarnos datos máis precisos que os que eu puiden conseguir. Falamos do cine Ourensán, ou para poder facelo un pouco máis amplo, o cine en que tiveron intervención as terras e persoas de Ourense. (Xa vos advirto que esta afirmación é relativa, dado que por exemplo incluiremos ao granadino Samaniego, ou ao pontevedrés José Gil, pero considero para iso que a súa relación coa cidade é suficiente argumento para a súa inclusión).

Desde logo, que non vou ser eu quen achegue unha cronoloxía definitiva dos primeiros pasos desta arte en Auria, sería complicado, e ata podería entrar en conflito con traballos realizados por persoas infinitamente máis entendidas no tema que eu. Imos por iso a sinalar os comezos, ao redor dos últimos días do século XIX, aprox. 1897, por aqueles anos discípulos e nalgún caso creo que empregados dos irmáns Lumiere, chegaron a Galicia a realizar exhibicións da nova arte. Consta a súa estancia en cidades como Coruña, Pontevedra, Lugo, Tuy etc., supomos que Ourense tamén foi unha das visitadas, e teremos que revisar a prensa daqueles anos, para atopar probas. Do que se temos datos, é da existencia de pavillóns (barracas), nas que naqueles tempos facíanse exhibicións de vistas, o que se considera precursores do cine. Logo virian as instalacions de Eduardo Barbagelata Mucci, (e o seu fillo Eduardo B. Curotti) Isidro Pinacho, Isaac Fraga Penedo etc. pero hoxe non toca falar de exhibidores.
Gustaríame avanzar no tempo, sen obviar as andanzas de Jaime Pacheco e o seu socio a comezos do século XX José Gil, (quen se sabe que experimentaron co cinematógrafo, ao principio para dominar a técnica de exhibición, que logo Jaime desenvolveu en vilas de Ourense e Portugal).
Froito desta experimentación, debeu de ser como José Gil viu as posibilidades que tiña esta arte, e en 1910, termina a que se considera primeira película Galega Miss Ledya na que contou coa actuación dun mozo Castelao, que a fai se cabe máis interesante para a nosa historia (de Gil existe unha inxente cantidade de documentais que realizou cos poucos medios cos que contaba, entre eles El Ferrocarril de Orense a Vigo). Se os meus datos son correctos teriamos que avanzar, ata os anos 20, para atopar novos traballos.
E aquí xorde, Antonio Rei Soto, do que vos falei o venres pasado; a súa participación na cinematografía foi das máis extensas deses primeiros anos, xa que falamos de polo menos catro producións nas que desempeño diferentes funcións; as obras son Viaje a través de Galicia y Asturias (1922), Maruxa e Carmiña flor de Galicia  (1923), e Paisajes de España (1926). Da productora Celta Films da que era copropietario Rey Soto, e tamén a pelicula do ano 1926 La Virgen de Cristal, feita en base de un poema de Curros Enriquez
O seguinte personaxe desta historia, seria el granadino José Samaniego, un dos mellor considerados fotógrafos de Ourense, quen o ano 1930 baixo a dirección do coñecido Edgar Neville, leva a cabo a dirección artística da película El Presidio, (adaptación ao mercado hispano, da oscarizada The Big House).
Antes do 36, un grupo de amigos ia marcar as bases do que seria a etapa mais interesante do cine ourensán; reúnense estes con frecuencia no estudo de Pacheco, e proponse facer un filme, que non sabemos se chegou a ver a luz rematado, (polas memorias de Augusto Pacheco, sabemos que polo menos se rodaron algunhas das escenas dun guion que non conseguimos localizar), trátase de Las aventuras de Prokowsky, os amigos eran uns mozos "descoñecidos" Xocas, Toni Román, Reinaldo (retocador de Pacheco), Augusto Pacheco, e coido que tamén Carlos Velo.
A fotografía que pomos abaixo, feita por Augusto Pacheco, podería ser que formase parte dese proxecto.
Por non estenderme máis, e xa presentados os maximos exponentes do cine ourensán, imolo deixar polo de agora, non sen  citar a Xose Suarez, Eloy Lozano, Fernando Iglesias (Tacholas), Elixio Gonzalez, Ernesto Chao (Miro Pereira) e Abelardo Gabriel (faltan moitos, pero....); e obras que por espazo tamén me deixo no tinteiro, como O Carro e o Home, Fuego, Raza, Cotolay, La casa de la lluvia, Romancero Marroqui, Mariñeiros, Ruta de Lobas  etc.  

Nun futuro, intentarei facer entradas máis específicas de cada persoa e obra. Se alguén quere colaborar, xa sabe que ten as portas abertas.

No hay comentarios: