A semana pasada, nunha reunión do "Arquivo visual Ourensán", o amigo Amador Rego, prestoume uns exemplares dunha revista da que ata agora só sabía da súa existencia, polo libro do profesor Marcos Valcárcel "A prensa en Ourense e a sua Provincia".
Trátase do "Boletín de información Municipal de Orense", outro día dareivos datos desta publicación, o que motiva a entrada de hoxe, é unha das fotografías que se poden atopar, no número 9 da devandita publicación.
A fotografía da que vos puxen dúas copias en diferentes calidades, (non consigo mellor resolución, polo cal déixovos as dúas para que as intentedes ver o mellor posible), corresponde á construción, segundo reza no pé de foto, da rúa Bedoia, en concreto, di: "Arranque de la calle Bedoya, en construción desde el Parque de S. Lázaro".
Como xa sabedes non son historiador, pero si un curioso en temas da historia da cidade, e realmente non me encaixa o comentario, e as posibles datas, que se suxiren da revista, cos que eu tiña.
Paso a explicarvos, a revista publicouse en abril do 1958, e recolle os datos dos acordos municipais, de parte do ano 1957; a fotografía evidentemente é anterior, pero non pode corresponder á apertura da rúa, non polo menos na súa totalidade, encaixaría todo, se o pé de fotografía referísese á ampliación do tramo intermedio, o que partía de catro camiños, cara á "Carreira dos defuntos", (nome que tiña a parte mais empinada da rúa actual), o cal aproveitando as obras do Colexio novo dos Maristas, si que remato de aperturarse neses anos.
De feito na fotografía, creo ver a esquina do colexio que linda con Bedoia e Valle Inclan, e percíbese claramente, que existen xa edificios de certo empaque na contorna, o que esnaquiza todo o razoamento anterior, é a altura dos edificios que se ven precisamente detrás deste edificio en construción, que eu interpreto como Maristas.
A resolución final déixoa nas vosas mans.
No hay comentarios:
Publicar un comentario