Con calma, pero intentarei completar a historia dos fotógrafos ourensáns, mellor dito que traballaron en Ourense, incluíndo aos que tiñan os seus estudos fóra da cidade; Chao (Ribadavia), Godas (Carballiño), Álvarez (Celanova), Campinas, Barrio, Branco etc.
Hoxe grazas á amabilidade de Matilde Chao, (aproveito para recomendarvos que visitedes o seu blogue "Fotos del cajón de los recuerdos", vaivos a gustar).
, temos a visita do Estudo Chao de Ribadavia. (Hoxe fai a súa presentación, e en próximas entradas, iremos presentando ao resto da Saga Chao) 
Fotografía feita por Don Serafín Rodríguez Rodríguez.
O nacemento deste estudo fotográfico, prodúcese en Ribadavia, aproximadamente no fin do Século XIX, (1899- 1900?), o cal converte a este estudo, nuns dos primeiros, (posiblemente entre os dez primeiros), que se estableceron na provincia, o seu fundador foi Don Serafín Rodríguez Rodríguez, e posiblemente como a gran maioría dos fotógrafos da época, fóra autodidacta.
Sabese pouca cousa do traballo de Don Serafín, artista que por desgraza tivo pouco tempo para desenrolar a súa profesión, naceu o ano 1883 en Ribadavia e debeu abrir o estudo sendo ainda moi noviño, dado que faleceu os 24 anos e consta que o estudo funcionou durante uns cantos aniños.
Do traballo de don Serafín son escasas as obras que se conservan, a que podedes ver na parte superior e a única que eu coñezo, e seica no museo Etnoloxico de Ribadavia conservan alo menos outras dúas.
(Se podo ampliar nalgún momento datos, non dubidedes que o farei).
 Ao falecer Don Serafín no ano 1907, o estudo pasa por herdanza á súa irmá Asunción, casada con Don Luís Chao Sobrino; a falta de coñecemento da técnica fotografica fai pensar nun primeiro momento ao matrimonio en vendelo, pero finalmente Don Luís decide intentar adquirir a formación necesaria, e continuar coa empresa; para iso trasládase a Ourense (onde non puiden saber quen foi o seu mestre, aínda que existían poucas opcións), pero polos datos que teño, Don Luís non quedo plenamente satisfeito, tendo que terminar de formarse pola súa conta.O espírito emprendedor deste cabaleiro, non lle permitía arredrarse ante as dificultades, (chego a xestionar á vez, unha xoiería, o estudo fotográfico, unha mercería, unha fábrica de confección de roupa, e unha fábrica de cadaleitos), e con esforzo, conseguiu dominar a técnica fotografica.
Especializouse na fotografía de estudo, e aos poucos foi formando aos seus fillos para que puidesen continuar os seus negocios; pero iso será outra historia.
Actualmente consérvase gran parte da súa obra, depositada no museo Etnológico de Ribadavia, xunto co resto da colección de Foto Chao, pero non é difícil atopar obras súas na maioría das casas de Ribadavia, e toda a súa contorna.











No hay comentarios:
Publicar un comentario