Recibir fotografías como esta que nos envío a amiga Mª Lourdes González, é un pracer.
Por unha banda, mostran os inicios dun deporte que na cidade a pesar da indiferenza de moitos ourensáns, ten un alto nivel; se non me equivoco temos dous equipos nas primeiras divisións do país. E por outro nos permiten ver a veciños na súa época de mocidade, (algúns por desgraza xa falecidos).
Aínda encima, se como neste caso envíannola con practicamente todos os datos para catalogala, mellor que mellor.
A fotografía obtívose nun partido celebrado en novembro de 1960 no xardín do posío, (naqueles anos a "pista" do xardín era marco habitual de competicións deportivas, polo blog andan imaxes de competicións de baloncesto e creo que algunha outra de hockey tamén). E os xogadores que pousaban para un fotógrafo afeccionado, eran: de pé de esquerda a dereita, Cholo (porteiro), Perfecto Alonso Orge (Piji), Cadavid e Felipe. Debaixo, Francisco Paz, (supoño que vos soase mais como Paco Paz, porque tratase del), ao seu lado esta un xovenciño, que na imaxe vese perfectamente que non era precisamente da mesma categoría deportiva, o equipo debía de ser xa junior, ou sénior, e este cabaleiro debía de ser infantil ou como moito cadete; segundo cóntanme era tan hábil no xogo, que suplía a diferenza de idade e tamaño, cunha rapidez e habilidade abraiante, chamábase Juan, pero no mundo do hockey era Peritas.
Falta por identificar ao último integrante do equipo, se algún quere colaborar, xa sabe que estes días están habilitados os comentarios das entradas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario