Ángela Santamarina Alduncín. (Angelita Varela)
Nacida no Tandil, (Bos Aires, Arxentina) en xaneiro de 1863, era filla de Ramón Santamarina Valcárcel (ourensán de nacemento), e María Ángela de Alduncín Gaspuy, quedou orfa de nai aos tres anos de idade, e o seu pai decidiu confiala xunto aos seus irmáns ao coidado da súa tía Dolores Santamarina na nosa cidade.
Dolores había estado casada con Rafael Vidal, con quen tivo o seu único fillo Alejandro Vidal Santamarina; enviuvou e posteriormente contraeu novo matrimonio con Antonio Varela Bahamonde; de aquí vén o apelido adoptado por Angelita.
Aínda que os seus irmáns decidiron retornar á Arxentina, onde tiveron algún deles un papel moi importante na historia do país; Angelita decidiu continuar en Ourense coa súa tía.
Emparentou coa familia Temes, polo seu matrimonio co fidalgo Isidoro Temes e Sáenz de quen enviuvou no 1918.
Fíxose cos títulos nobiliarios de Marquesa de Atalaya Bermeja, (por rehabilitación propia en 1924), e o de Condesa do Valle de Oselle, (por rehabilitación da súa tía Dolores, en 1920 quen llo cedeu), Hoxe en día non fose posible, pero naqueles tempos era perfectamente legal.
A boa posición económica que o seu pai facilítolle, permitiu que desde o primeiro momento Angelita colaborase coa gran maioría de obras de caridade que se lle propuñan, seguindo o exemplo da súa tía Dolores; así mesmo a súa disposición a colaborar coa cidade era tal, que os visitantes ilustres que se achegaban por Ourense, habitualmente eran aloxados na súa casa. Como recoñecemento a estas obras, foi nomeada presidenta de honra da Cruz Vermella Española, e condecorada coa Gran Cruz de Beneficencia (Ano 1926).
Ao mesmo tempo, seguindo os consellos do seu confesor Antonio Rey Soto, financiou múltiples obras culturais; a máis destacada, foi posibilitar que o propio Rey Soto reunise unha fantástica biblioteca, a cal aínda que inicialmente ía ter como depositaria á nosa cidade, (concretamente o edificio que foi vivenda de dona Angelita na intersección de Santo Domingo coa rúa do Alba, era a función para a que se destinaba), diversos problemas e desencontros, fixeron que terminase enriquecendo a biblioteca dos Mercedarios en Poio.
Sen ánimo de crítica, gustaríame mencionar o inxusta que é ás veces a historia, vendo que é máis fácil atopar comentarios sobre a anécdota de que a diario lle levaban unha vaca desde as súas leiras no Couto, ata a súa casa en Santo domingo, para ser ordeñada; que sobre a gran achega que fixo á cidade facilitando a creación da fundación Santamarina-Temes, xestora do complexo do Santo Anxo (financiado por ela na súa totalidade), e cedéndolle a esta todas as súas propiedades, (entre as que se atopan a mellor colección de pezas de cerámica de Sargadelos, obras pictóricas de gran valor, xoias etc.).
Faleceu Dona Ángela Santamarina, na nosa cidade o 5 de Xullo de 1956
Na próxima entrada falaremos dos obxectivos da fundación
Fotografía propiedade de Ester Pacheco, feita polo seu pai Augusto Pacheco
No hay comentarios:
Publicar un comentario