O vindeiro mércores 11 entrégase o premio Ourensania 2015 a Dona Mariluz Barreiros, presidenta da fundación Eduardo Barreiros, o seu traballo difundindo o legado do seu pai, fana merecedora de tal galardón. E permiten dalgún xeito facelo extensivo a don Eduardo.
O coralista Gerardo Gómez recuperou para este evento, os actos de homenaxe que a coral dedicou aos irmáns Barreiros no 73, durante os cales tiveron o honor de ser recibidos polos naqueles momentos príncipes de España.
CORAL DE RUADA:
HOMENAXE AOS IRMÁNS BARREIROS
E
VISITA AOS PRÍNCIPES DE ESPAÑA
(1973)
Corrían as primeiras semanas do ano 1973 cando,
nunha reunión da Xunta de Goberno da Coral De Ruada que presidía D. José
Fernández Borrajo e da que eu era o secretario xeral, analizáronse os
grandes éxitos que viña recollendo a Coral
-baixo a dirección de Manuel de Dios- nas súas actuacións dos
meses anteriores na provincia de Ourense e no resto de Galicia, ademais de no
Norte de Portugal. Coidamos que era o momento axeitado para ofrecer unha
actuación de resonancia e renome na capital de España, concretamente no “Teatro
de la Zarzuela”. Pero para levar a
cabo esa actuación e materializala cumpría buscar un financiamento suficiente
para sufragar tan altos custos.
Despois de barallar varias posibilidades, pensouse que a mellor solución sería
organizar unha homenaxe a Eduardo Barreiros, recoñecido empresario
Ourensán, que, ademais do gran poderío económico do que gozaba naquela época, tamén
dispoñía de grandes influencias a tódolos niveis sociais e políticos.
Acordouse constituír unha comisión que se desprazase a Madrid para
entrevistarse con D. Eduardo e tratar o tema da homenaxe. Para tal
cometido nomeouse a dous vogais da Coral,
Manuel Rego Nieto e César Gutiérrez Quevedo, que aceptaron o
encargo con sumo agrado. A
embaixada ruadista informou a Eduardo Barreiros do proxecto e este
aceptou tódolos termos, tanto económicos como sociais, da proposta, poñendo
unha soa condición: que a homenaxe non se lle fixera a el, senón a tódolos irmáns
Barreiros, condición que, naturalmente, foi aceptada.
A continuación os directivos da Coral dirixíronse ao Centro Galego, que
presidía o xeneral Constantino Lobo Montero, para programar as actuacións
da Coral e demais actos. Tamén
falaron coas, daquela, influíntes personalidades ourensás Paquita Rumbao
e Eugenio López López “Genín”. Por outra banda, Manuel Rego Nieto
conseguiu que os Príncipes D. Juan Carlos e Dª. Sofía
concedesen ao coro unha audiencia no “Palacio
de la Zarzuela”.
A organización e programación da viaxe foime
encargada a min, como parte das miñas funcións na Xunta de Goberno da Coral. Baixo as instrucións de Pegerto
Puga (de Viaxes Puga), contratamos a Renfe un vagón liteira, exclusivo para
a Coral, para as viaxes de ida e volta,
o aloxamento para tres días no Hotel Príncipe Pío e un autocar para os desprazamentos
por Madrid.
A Coral
De Ruada actuaría no “Teatro de la Zarzuela” o mércores 4 de abril ás
sete e media da tarde e no intermedio da actuación faríase entrega aos irmáns Barreiros
dunha placa e un pergameo como homenaxe de agradecemento aos seus desvelos por
Ourense e a súa provincia. Ao concerto asistiron as autoridades provinciais: Daniel
Regalado Aznar, gobernador civil; Ricardo Martín Esperanza “Caíto”,
alcalde de Ourense; David Ferrer Garrido, presidente da Deputación. Tamén
asistiron varios ministros; lembro, por exemplo, a José Solís Ruiz “la
sonrisa del régimen”, personalidades como os xa mencionados Genín, Paquita
Rumbao, Lobo Montero, etc., ademais dos críticos dos principais
xornais da capital. Nin que dicir ten
que o concerto resultou un grande éxito con moita repercusión en toda Galicia.
Despois da actuación fomos convidados
polo Centro Ourensán, que presidía a allaricense Paquita Rumbao, a una cea
de gala no Hotel Mindanao.
O xoves, día 5, desprazámonos ao “Palacio de la Zarzuela”, onde fomos
recibidos moi cordial e atentamente polos entón Príncipes de España, D. Juan
Carlos e Dª. Sofía. Despois de visitar os arredores do pazo fixemos una foto conxunta e, a
continuación, o Príncipe pediunos que cantásemos “La Sombra Negra”, referíndose,
obviamente, á “Negra Sombra”. A Coral De
Ruada agasallou aos Príncipes cun fermoso regalo artístico.
E o dia seguinte viaxe de volta a Ourense. Na
primeira reunión da Xunta de Goberno, ao regreso de Madrid, acordouse nomear a Eduardo
Barreiros “Amigo de Honra” da Coral
De Ruada, ao que respondeu cunha moi xenerosa aportación anual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario