A presenza deste gran home neste blogue, non podía esperar máis, a falta de tempo non me permitiu elaborar a entrada como se merece, pero tentarei completala aos poucos.
Aproveito este magnífico traballo biográfico, que podedes ver completo na páxina da Biblioteca Virtual de Galicia. (Aquí tedes o enlace). http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=ValLamas
"Valentín Lamas Carvajal, un dos primeiros promotores da prensa en galego, naceu en Ourense en 1849.
Nesta cidade cursou o Bacharelato, tendo como profesor o destacado gramático Don Xoán Antonio Saco Arce, e con posterioridade trasladouse a estudar Medicina en Compostela.
Porén, non conseguiu acabar a carreira por causa dunha doenza visual que o deixaría cego, condición que lle valeu anos máis tarde o alcume de "O Homero Galego". Dirixiu a revista compostelá La Aurora de Galicia e fundou a revista El Heraldo Gallego (1874-1880), de carácter bilingüe, e o semanario O Tío Marcos da Portela (1876-1890). Comezou a colaborar asiduamente no xornal El Eco de Orense, fundado en 1880, que funcionaría baixo a dirección de Lamas até o seu falecemento.
Os medios de comunicación serían un instrumento fundamental na difusión da súa literatura e das famosísimas polémicas políticas e literarias en que o ourensán participou ao longo da súa vida.
A aparición de O Tío Marcos da Portela converteuse nun dos feitos de maior relevancia na historia das letras galegas, xa que se trata da primeira publicación redixida desde Galiza integramente no noso idioma.
Lamas Carvajal iniciou a súa andaina literaria con composicións líricas. Así, déronse a coñecer en 1874 o primeiro dos "ramiños" de Espiñas, follas e frores. . En 1875 publicáronse as Cartas ós gallegos.
Tras cinco anos de silencio saíu do prelo Saudades gallegas, que supuxo a consagración de Lamas como escritor, e en 1890 o seu último libro de poesía, A musa das aldeas.
Como prosista publicou en 1887 un libro titulado Gallegada e, dous anos máis tarde, o ben coñecido O catecismo do labrego, a obra máis popular da nosa literatura durante longos anos.
Valentín Lamas Carvajal faleceu na súa cidade natal no ano 1906".
A imaxe é unha Xoia que posiblemente xa coñezades, trátase do retrato realizado a Don Valentín por Xesta, por fortuna tiven a oportunidade de fotografalo, (fortuna e a amabilidade da súa actual propietaria, coa que estou en débeda, (a falta de tempo non me permitiu facer a recompilación gráfica que lle debo).
Axiña que poida farei outra entrada de Don Valentín.
No hay comentarios:
Publicar un comentario