Toda porta ten as súas historias que contar, ven pasar á xente, e observan; igual que as persoas, hainas groseiras, que procuran pechar o paso, e hainas amables, as que sempre están dispostas a botar unha man.
Esta que vedes na fotografía, eu encádroa nas amables, abriuse ao pé da alameda no ano 1562 (Bispo Fray Francisco Blanco) para dar auxilio a todos os ourensáns enfermos, aínda que é certo que nos anos da súa creación, os medios eran escasos, con esforzo e comprensión, moitos enfermos atopaban alivio aos seus males.
Despois, a partir do ano 1856 empezou a dar paso aos deputados provinciais, á audiencia, ao Concello (mentres se restauraba o edificio da Praza Maior), circulo católico de obreiros (ata o ano 1903), cociña económica (aproximadamente ata 1912).
En fin, por unha causa ou por outra raro era atopar a un ourensán que non traspasase o seu limiar.
Adicada ao Ilmo. Sr. Don Tomas Congil Gil actual párroco da Santisima Trinidade.
O edificio mantívose en pé, aínda que en estado ruinoso ata o ano 1927, pero a nosa porta, decidiu seguir sendo útil noutra localización uns anos antes, e trasladouse ao atrio da igrexa da Trinidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario