Consejos y avisos

9/11/11

Ano de neves


Di o refrán: "ano de neves, ano de bens".
Tiña xa no arquivo, algunha fotografía da nosa cidade nevada, a última mesmo bastante recente. O que non tiña, era o dato, de que en 1962 glorioso ano, (perdoádeme a inmodestia) no que eu vin ao mundo nesta nosa Auria; caeu unha gran nevada.

Terei que preguntar na casa como o ven eles, o tema de se a miña chegada pode entenderse como "bens"; coñecendo a miña nai, dirá que: "claro que si", pero xa sabedes que unha nai para estes temas non é moi fiable. E aos lectores que me coñecedes, prefiro non vos preguntar, non vaia ser que me deades un desgusto.
Deixemos o tema, e quedémonos con que 1962 foi un ano de neves na cidade, tal e como quedo para a posteridade reflectido nesta foto de Eloy, outro dos profesionais que pasearon as nosas rúas á caza da instantánea. Eloy neste ano 1961 asinaba os seus traballos co selo "Reportaxes Eloy Buenos Aires 90 4º Orense".
A fotografía déixanola Guillermo Álvarez, xenro do gran Paco Ropero, "Paco Paco", e por si ainda non vos dechedes conta, esta feita na Alameda.

8/11/11

Peza do mes de Santos do 2011

Este mes non me esquezin da peza do mes; e avisovos con tempo para que podades programalo.
Mañá ás oito da tarde na sala de San Francisco do Museo Arqueolóxico, poderedes gozar das explicacións de dona Belén Lorenzo Rumbao, sobre o Retrato de Frei Diego Fermin de Vergara. 
Unha moi boa oportunidade de coñecer mellor a este Ourensán que no século XVIII, chegou a alcanzar a dignidade de Arcebispo, nas afastadas terras de Colombia, pero nunca se esqueceu das súas raíces, como demostran as obras por el promovidas na sua terra natal de Leirado.
Pero mellor que acudades á presentación que seguro que nos resulta moi instructiva. Lembrade, mañá día nove ás oito da tarde, na Sala de San Francisco.

7/11/11

Diario Galicia (Fernando Valcarcel)


 Galicia
Así se chamou o xornal ourensán, no que colaboraron Vicente Risco, Ben Cho Shey, Noriega Varela, Cuevillas e Adrio Menéndez entre outros.
A entrada parece xustificada pola cantidade e calidade dos colaboradores que tiña en nómina, pero, ao tempo, preténdese publicitar a existencia dun xornal desaparecido que alternaba o galego e o castelán , xa estudado por Marcos Valcárcel no seu traballo sobre “A prensa en Ourense”, do que, aos poucos vamos coñecendo algún dato máis.
En “Galicia” que podemos atopar numerosa información relativa á actividade comercial da cidade nesa época.
Fundado por Marcial Ginzo Soto, ao que o suceden na dirección Ricardo Outeiriño, Antonio López e José Rodríguez de Dios.
Marcial Ginzo Soto era alcalde de Ourense en 1930, data na que nace “Galicia”, ata entón, este persoeiro dirixira o diario “La Región”, ao que accede como redactor, tras abandonar a dirección do noticieiro “El Radical” na que permanecería entre 1910 e 1913.
A redacción, administración e talleres de “Galicia”, atopábanse nun primeiro momento no número 48 da “Avenida” do Progreso”*, pero en 1935, a súa ubicación muda para os número 27 e 28 da rúa Luis Espada (hoxe Alejandro Outeiriño Rodríguez). Curiosamente, o irmán de Alejandro, Ricardo Outeiriño, que dirixirá “La Región” de 1932 a 1968, sucederá a Marcial Ginzo Soto na dirección de “Galicia”, que co subtítulo “Diario de la mañana”, permanecerá en circulación ata 1937.


*Dicir ao respecto que parece máis correcta a denominación de “Avenida ” que a de “Rúa”, para nomear esta arteria, xa que neste tempo, esta foi a principal vía de acceso á cidade, núcleo das comunicacións, antiga estrada de Villacastín a Vigo, e por elo, durante moitos anos se coñeceu por Avenida do Progreso, e, despois do “General Franco”.

6/11/11

O Avo nos medios Revista Auria I

Tal e como vos comente hai uns días, o Arquivo visual Ourensán e a Revista Auria, comezaron un período de colaboración.

Dende o blog, intentarei mostrarvos os artigos completos, pensando sobre todo nos lectores que non residen en Galicia, e teñen dificultades para conseguir a revista.
Nalgún caso se é posible, intentarei ampliar máis datos se os tivese, e engadir algunha imaxe se é posible. Xa se sabe que nos medios imprimidos o espazo sempre é escaso.
No numero de setembro do 2011, aparece a primeira colaboración; non e mais cunha presentación, pero ten unhas cantas fotografías que seguro vos van gustar
Para lelo e ou descargar o arquivo fai  Clic aquí  

5/11/11

Vella publicidade

 Unha moi boa fonte de información, para recordar persoas, negocios e detalles do pasado, confórmano, os anuncios de prensa antiga; ou como neste caso os programas de festas da cidade.
O anuncios de prensa, eran máis heteroxéneos, en ocasións só publicábanse por un período moi curto de tempo, con motivo do lanzamento da empresa, ou unha campaña comercial puntual (hotel Roma ofrecendo a cea de fin de ano por ej.); outras veces os anunciantes facíano de forma habitual en certas épocas do ano, para recordar ao público a súa existencia (Colexios no mes de setembro etc.).
E en casos como os programas de festas, tratábase en moitas ocasións, dunha cuestión de prestixio, anunciarse no programa, era (hoxe segue sendo en moitos casos) unha forma de facer saber que ese negocio colaboraba na diversión de toda a cidade.
Hoxe tráiovos estes catro anuncios, de negocios con moita historia na nosa cidade, da Ibense, e a competencia entre os estudios de Pacheco e Schreck, xa o sabedes case todo. Non obstante non temos tan fresco na memoria, a competencia entre diarios de información que vedes no outro anuncio.
Afeitos á existencia dun único diario local, se acaso en competencia coas edicións locais dalgún outro rexional; saber que durante un longo período de tempo, houbo non menos de tres cabeceiras de prensa na cidade faise difícil de entender.