Consejos y avisos

23/11/09

O Volter "Ana Bande Bande"

Dentro da serie de entradas feitas por amigos e colaboradores.
Con sa envexa, aquí déixovos a entrada que amablemente me remitiu Ana Bande Bande, á cal podedes seguir no seo blog. http://anabande.blogspot.com
Gozádea, e espero que en calquera momento regálenos outra xoia como esta.
Infinitas grazas Ana.
(Un descoido fixo que non estivese o seu enlace no lateral do blog, xa esta corrixido).
O único día da miña vida que estiven no Volter era o ano do COU. Eye in the Sky, Five Miles Out e Richard Clayderman. Entón sería no oitenta e dous. Pouco lembro daquela tarde. Un mozo que facía a mili en Ourense quixo pasar a tarde comigo. Non lembro como se chamaba e tampouco o identificaría xa nunha rolda de recoñecemento. Só lembro que me desacougaba moito a súa conversa. As súas historias de cuartel non me interesaban o máis mínimo e eu daquela, unha moza con poucas ínfulas revolucionarias, ata consideraba de mal gusto as súas queixas sobre os mandos e os seus plans de fuxida.
Pero o que importa daquela tarde é que a pasei no Volter. Mentirei a gusto e deliberadamente neste relato. Por pura honestidade. Chamémoslle ao mozo Alfredo. Para, para, e que se chamábase así, Alfredo. Seguro. Pero non quero tampouco fuchicar moito aí, non sexa que salgan outras pantasmas. Alfredo, si. Un rapaz moreno, con cara de boa xente e moi triste. Falaba pouco, e sempre do mesmo, do seu desexo de fuxir, da súa zuna por aquel sistema carcerario, e unha falcatruada moi grave que cometera pero da que eu non quixen enterarme moito. Pero ao importante.
Todo isto ocorría á escasa luz daquel bar, Lámpada mantida co óleo de unha ialma de alborada e lembranza (O. Pedrayo). Alfredo falaba mentras os seus dedos xogaban cunha copa dun presunto licor.
Todo te nombra /aquí en esta cueva / se beba o no se beba /vaga tu sombra (Gareno).
Eu facía que atendía pero o que me interesaba era descifrar as coiteladas que outras parellas máis divertidas deixaran escritas naquela mesa, non sei se moi escura ou moi sucia. Alfredo ás veces dicía cousas raras, algo do Rif, e do mar de Azof, e dun tal Salakok (Pepe Romero), eu que sei. Facía como que lía nas pareces pero para min que eran os refugallos das derradeiras frases dunha novela malísima.Eu teimaba cos graffitis. Si, esto semella un soneto.
De la mano te llevaba a mi boca / para que me quitases el aliento / y que dejases allí el alimento / que no saciaba el hambre que provoca /.
Versos cravados e fuxidíos que me entretiveron todo o tempo que Alfredo investía en argallar conspiracións e boicots, a ollada longa i a espranza outa (Casares), ollos fixos como boca de rifle / non temades ollos como bocas de rifle (X.L.M.Ferrín).
Eu tiña frío, como case sempre, e fóra a choiva non convidaba ao paseo, chora, chuvia, chora polos cristales,chora polos teus, polos meus males (J.L.Cid). Entón quixen contarlle algo que me preocupaba. Aquel absurdo suspenso en historia que a inefable profesora C. xustificaba no feito de eu non ter nomeado a causa da evanxelización como principal motor da colonización, ¡Cuando nos ahogaremos en el agua profunda de Dios...! (J.L.Cid). Alfredo non levaba conta das miñas verbas, nin da miña teima por descifrar agora aquel segundo cuarteto.
De la mano te acompañé a mi pecho /para que te meciesen los latidos /de mis senos de repente crecidos / y poder ser improvisado lecho.
O que continuaba xa era ilexible totalmente, así que tentei aproveitar a escasa luz que incidía nun cadriño da parede para ler un anaco do que alí poñia. Amigo: Quen por ti preguntar / que saiba oilo / no meu calar (E.B. AMOR).
¿Quen sería ese tal Blanco Amor. O soldado demediado non puxo interés en respostarme. Ás veces a súa ollada procuraba a miña solidariedade coas súas falcatruadas, pero eu preguntábame se el tiña dereito a rebelarse mentras eu tiña que esforzarme tanto por imaxinar que aquel prato de sesos escachado polo chan da cociña eran as flores dun xarrón que P. accidentalmente escachara cando llas dera a M. polo día do seu aniversario, El angel vendrá con la espada flamígera [...] por el fuego de su empuñadura (L. Quintela).
Que sabía eu daquela de Casares, de Pepe Romero, de Ernesto G.del Valle, de J.L.López Cid, de Luis Cabo, de Ferro Couselo, de Díaz Rodríguez, de Luis Quintela, de Carlos Velo, de Baldomero Moreiras, de Acisclo, de García Almeida, se case non sei agora. Sabía de Otero Pedrayo porque meu pai dixera que tiña servicio, que morrera un home moi importante e mesmo me levou a dar un pésame a unha casa da Rúa da Paz da que non lembro ren. Tardaría eu anos en coñecer ao mozo que levaba unha poesía nos seus petos, ya no quedan piratas, /rebeliones / ya todos somos bueyes/ bueyes, bueyes / para aguantar el yugo de las leyes, / que en su provecho / dan los piratones / que resuciten los piratas! (A.Tovar). ¿cantos deles aínda viven? Aquel mozo, o da poesía mecanoscrita, levoume anos despois a facer fotos a un sitio que "non tardarían en derrubar".
O prognóstico foi xeneroso. Seica aquel orixinal furancho foi comesto polos bechos do esquecemento. Bueno, está ben. Non nos laiemos hipócritamente, xa todos sabemos de que vai o conto, ollade como estamos mutilados / ergueitos os muñós apodrecidos..que deixou alí escrito o certeiro C.E. Ferreiro. Laios, laios, só laios por toda a nosa literatura, e terra, Sin casa xa, sin terra, coma os ventos, (B.Graña), e tristura, en este ambiente todo es gris (M.Fdez. Sampayo), e patria, nin galegos sin galicia (J.M. Moreiras), e ¡Galicia Ceiba! (L. Cabo). ¿que diría o resto daquel soneto? ¿a que ou a quen lle foran dedicadas esas verbas cicais improvisadas por unha moza namorada? e ¿por que non había ningunha muller naquel contubernio? Bueno, sí había, estaba a señora Concha, a dona de Don Antonio, o Tucho, afastada de alegorías, frescos e parábolas. Ocupada en quecer o bandullo dos peripatético, dos cultivadores de logos daquela pequena Atenas, irrepetible ínsua de prodixios e nereidas, como di o recompilador Almeida. Mágoa non ter reparado aquel día no alegórico fresco de Xose L. de Dios, e nas esceas dos mortos de Ferrol pintadas por Conde Corbal, ¿por que mortos se nos cadros aparecen traballando?, sequera puiden fixarme nos retratos que Vidal Souto e Xavier Pousa lle fixeran ao Tucho. Nin se me ocorreu ollar o teito para ver ao taberneiro dirixir coa súa batuta aquela orixinal orquestra de diletantes.
Pero non nos laiemos tanto, era só unha baiuca, coas cousas de sempre, eiquí neste recuncho / do vello eironciño / pintámola cana / bebémolo viño-bebamos, bebamos/ de bon ribeiriño (F.Couselo). Pouco importa se...a porta de palla ¿e porta ou cancela? (Ernesto G.del Valle).
Brindemos polo esquecemento que tamén ha ter algo de bo ¿non si?
P.D. ¿e que será de Alfredo?.
As citas en cursiva pertencen a textos que estaban colgados no bar do Tucho e que recollín do libro O´Volter. Fragmentos para a memoria. Ourense: Xunta de Galicia, 2009.

No hay comentarios: