En varias ocasións dende este blog, comentamos o desexo de poder contemplar na cidade, as imaxes que nos comezos dos anos 20 (23, 24), a fotógrafa Ruth Matilda Anderson obtivo na súa visita á nosa Auria.
Por fin conseguiuse, e dende o pasado xoves, e ata o día oito de xaneiro, poderemos gozalas na sala Caixa Nova, na praza maior (supoño que agora se chamase doutro xeito, pero creo que así o entenderedes perfectamente)
Dende os comezos da historia da fotografía, aínda que en menor medida ao acontecido con outras cidades, Ourense contou coa visita de varios fotógrafos, que recolleron ese instante puntual da nosa historia. Falamos de profesionais como o portugués Antonio Passaporte, o catalán Francesc Xavier Pares i Bartra, o propio Pedro Ferrer e un bo número de fotógrafos enviados polas casas editoras de postais, para realizar as súas series como Hausser e Menet, Thomas, Garrabella etc.
Conseguir recompilar ou polo menos dar a coñecer a existencia deses traballos, é fundamental para recuperar a historia fotográfica de Ourense. E poder complementar o traballo dos fotógrafos locais, Pacheco, Samaniego, Gil (os tres José), Schreck, Villar, etc.
A importancia do arquivo da americana Ruth Matilda, xustifícase na perfecta datación, calidade e descrición do seu traballo, máis que no volume do material que se refire á nosa cidade.
As escenas cotiás como a feira do San Lázaro e o embarque de pasaxeiros diante da Roma, son algunhas das imaxes que poderedes contemplar e que posiblemente sexan das que máis orixinalidade acheguen a este arquivo.
Tamén foron obxectivo da súa cámara, vilas como Ribadavia e Allariz entre outras; pero recoñezo que con certa envexa hei de confesar que non foi precisamente a nosa provincia a máis representada no arquivo.
Noutras entradas seguro que temos ocasión de falar en detalle dalgunha destas xoias que estes días podedes contemplar na sala de exposicións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario