Consejos y avisos

13/7/10

"A Historia de Ourense"


Coménteivos nos comezos deste ano, que posiblemente fose un ano prolífico e interesante, para os ourensáns, en canto a cuestións históricas, e a entrada de hoxe vén confirmar a afirmación.

O venres día 9, puiden asistir á presentación dun libro, que non pode faltar na biblioteca de ningún Ourensán, nin de quen queira coñecer a nosa historia; o profesor Xosé Somoza Medina desenvolveu un excepcional traballo de investigación pra facer a sua tesi doutoral, e agora froito daquel traballo e alguna ampliación, bríndanos unha clara visión do que foi "Ourense".

Recomendovos que vos fagades cun exemplar, ou de calquera xeito, que lle botedes unha ollada, penso que vai ser do voso agrado; estes días de calor, e lecer son os maís apropiados pra lectura.
Os parabéns pra o autor, dende este humide blog.

Pido desculpas pola malisima calidad da fotografía, tal vez a miña inutilidade pra facer boas fotografías, e unha das causas de que admire tanto o traballo dos fotografos, tan pronto poida cambiareina. Perdón.

9/7/10

Crónica Negra de Ourense

Fotografía da Revista Mundo Grafico na que vemos o burato que xa estaba preparado no baixo da telefonica, e as autoridades que interviron na actuación, Tte Col. Garda Civil Don Juan Valls Quiñones, e Maxistrado da audiencia Don José Vieitez.

Por desgraza ningún lugar neste mundo, está libre de padecer incidentes tráxicos; Ourense non ía ser menos, e por suposto, tamén ten a sua "Crónica Negra".
A entrada de hoxe é a primeira desta temática, que aparece no blog, e desgraciadamente non será a última. O que se vos aseguro desde agora mesmo, é que non ides atopar morbo, nin un trato ofensivo nestas entradas, de feito non mencionarei máis que os nomes de pila, ou alcumes dos implicados, e un breve relato dos feitos, (case sempre baseándome en datos da prensa da época).
Indícanme os meus amigos, que o caso que máis repercusión a nivel nacional tivo, foi o asasinato do "Federal", pero por circunstancias, comezarei a serie, con este outro:
"Crime na central telefónica"

O titulo esta sacado da revista, que me deu acceso á pouca información que teño, pero para ser honesto, realmente o titular debería ser "Intento de asasinato na central telefónica".
Corría o ano 1916, e a prensa facíase eco, do descubrimento que fixeran as nosas forzas vivas:
Don Eladio, ata aqueles momentos, considerado un cidadán merecedor de todo respecto, director da central telefónica da cidade, sita na Avda. de Pontevedra 17 (daquelas Rúa Pereira), froito da desesperación había urdido un plan, para asasinar a Don Braulio.
Segundo parece todo nace da adicción ao xogo de Don Eladio, que lle levou á ruína económica, desesperado e sen ser capaz de pór freo á súa adicción, chegou a utilizar fondos dos que era un mero custodio na empresa de teléfonos.
A súa mente enferma, do que hoxe coñecemos como ludopatía, (e que con esforzo e tratamento ten cura), só foi capaz de desenvolver un plan de asasinato, para iso conseguiu con enganos, que dous dos empregados ao seu cargo, fixesen a fosa no local da central telefónica, onde pretendía esconder o cadáver da súa vítima; a fortuna fixo que a victima poidese escapar non sin un bo golpe na testa e sair a praza do Bispo Cesareo berrando auxilio, e ca mesma Eladio optou por pegarse un tiro na sien.

Se tedes datos deste caso ou outros similares e facilitádesmos, poderemos entre todos reconstruír con máis precisión esta Crónica da cidade. .

Datos atopados con posterioridade, falan de que realmente don Eladio chegou a agredir a sua victima don Braulio, si ben esta conseguiu fuxir a rúa cun golpe na testa, pero salvando a vida.

6/7/10

De novo o Roma

A semana pasada, un dos lectores, pedíame mais fotografías de rúas e edificios,entre outros temas, e nomeaba o meu estrañado Hotel Roma.
Para compracerlle, a el e espero que aos demais, preséntovos hoxe esta imaxe, pertence a unha postal que conseguín recentemente para a miña colección, e poderedes ver nuns días na terceira entrada de Cartofilia Ourensán, (o día 13 de Xullo).
O tema de hoxe, non é falar da postal, senón, que podades ver a magnífica porta que lucía este edificio, e nesta imaxe pódese ver con bastante calidade. Como sempre que falo deste edificio, lamentar que un conxunto de tanta beleza, con remates e calidades como a desta porta, non espertase a sensibilidade dos nosos conveciños, ou para ser máis exacto, que non levase aos nosos gobernantes, a esixir que se respectase a fachada polo menos.
Pero volvamos á porta, cando no ano 1915, o arquitecto Daniel Vázquez-Gulías Martinez, proxecta o edificio, preocúpase, de conseguir uns acabados de calidade; Ourense merécese un hotel de nivel similar ao Gran Hotel da Toxa, e coas limitacións derivadas do menor espazo de que dispón o solar da rúa Progreso, Don Daniel ponse ao choio, encarga a carpintería a Fernando González , e a Segundo Fernández, ebanistas que executan a magnífica escaleira principal do hotel, e supoño que tamén a porta principal.
Non podia ser doutro xeito, que a porta fora dunha factura excepcional, por ela habian de pasar todolos visitantes ilustes que viñeron nos visitar deica o ano 52 que pechou definitivamente (de seguro que Ruth Matilda, estivo nunha desas fiestras que se ven na imaxe, sacando unha das instantaneas da sua estancia na cidade), e a diario franqueaba o paso a toda a intelectualidade local (Risco, Otero, Noguerol etc), por non lembrar o feito das simuladas loitas de poder, escenificadas na ubicación dos politicos locais, na cafeteria do Hotel, fai clich eiqui pra lembralas  Tertulias.
En fin como decia esoutro, onde andara.
Nota, ainda que o peche foi no 52, seguiu en pe, ata os sesenta.
  

5/7/10

A Ponte que queremos...

O amigo Manolo, da web http://www.canedo.eu/ envioume esoutro día esta fotografía, e penso que todolos ourensans, debemonos fixar nela.
Sei que xa se esta a facer un estudo concienzudo da Ponte Vella, e que nel andan liados xente moi competente, pero por si se retrasa o dito estudo, non sei se seria preciso tomar de xeito urxente algunha decisión, o estado do pilar que vemos na fotografía, penso que así o indica.
Estes días tiven a oportunidade de leer unhos periodicos de fai tempo (1895), e xa daquelas a nosa Ponte andaba con problemas, (non vou lembrar as anteriores reformas de bispos e condes, que nalgun caso mais que reforma foi reconstrucción), seica os mandatarios dironlle solucion, pero como se ve de xeito evidente, non foi a definitiva; non vou criticar (non son quen), a ninguen por que esas varias reformas, non arranxaran o problema definitivamente, según indica algún experto, xa cando os romanos decidiron construila, erraron o escoller a millor ubicación posible, e a base dalgun pilar, non ten a consistencia precisa.
Sexa como fora o que temos e que arranxar o problema nestes momentos, e si e posible por medio dunha solución si e posible definitiva, os medios tecnicos actuales son un pouquiño millores que os que tiñan os nosos devanceiros, ou eso se supón.
O amigo Manolo, ten creado un grupo no facebook pra que non se esqueza ninguen do problema, visitadeo neste enderezo, e sumade esforzos, entre todos teremos que conseguir que o problema non vaia a mais. 
http://www.facebook.com/group.php?gid=128736910500486

2/7/10

O que foi e o que e

Xa volo comentei nalgunha ocasión, e seguro que algún de vós, de seguro puidéstelo gozar.
Mentres estivo aberto o Estudo Pacheco, os ourensáns puidemos grazas a Don José, e o seu fillo Augusto, ter unha clara visión de como foi mudando a cidade.
Non sei si esta esquina estivo no seu escaparate, pero a xeito de homenaxe aos mestres, póñovola eu. (non descarto neste verán mostrarvos algunha máis).

Supoño que ningún precisase de explicacións ao redor da fotografía, o que non a recoñeza polo menos nunha das dúas imaxes, penso que non anda na cidade.
 A esquina da rúa San Domingos, coa rúa Bedoia, (e por se servise de algo, dígovos, que este tramo penso que nunca foi chamado Carreira dos Defuntos, tal nome, tíñao soamente o tramo máis empinado, que ten a rúa, entre a Avda., de Bos Aires, e Emilia Pardo Bazán), e un dos puntos de reunión da mocidade dende fai xa moito tempo, ben é certo que dende que apareceu pola zona, o entrañable "Carrabouxo", a indicación para quedar os rapaces, é "vémonos no Carrabouxo", na miña época esa era a "esquina do Parque", ainda que tiña catro, os meus amigos e mais eu entendiamonos e penso que era xeral.
Pouco ou nada que a maioría de vós non saibades, podo ampliar ao que se ve nas fotos.
 A farmacia moitos anos de dona Blanca Romero, na esquina; a tenda do Campos da que xa falei nalgunha ocasión, o seu caron; e nos últimos anos de existencia do edificio aos cales corresponde a primeira imaxe (finais dos setenta), a primeira tenda de salchichas da cidade o Hot-Hut, que asombrou a todos os rapaces da época, con aqueles piruliños onde se quentaba o pan por dentro.
Na fotografía inferior, nada hai que dicir, se seica que desde o meu punto de vista a estética do edificio (creo que unha das últimas obras de Don Antonio Docabo) fose manifestamente mellorable, pero sobre gustos xa se sabe...