Consejos y avisos

25/3/09

As tertulias no Hotel Roma (1934-36)

Regresa ao blogue un dos máis belos edificios con que contou a cidade, o hotel Roma.
Construíse no 1915, substituíndo outro alí existente (do que en calquera momento mostrareivos unhas fotografías de Pacheco no 1908, e no 12), dunha soa planta, propiedade da familia Cuanda Cruz, (de feito o anterior negocio chamouse "Fonda da Cuanda", aínda que xa antes da renovación, cambiara o nome polo de "Hotel de Roma"), o proxecto foi obra do Arquitecto Don Daniel Vázquez -Gulias Martínez.
Realmente a visita de hoxe non é para falar da súa construción, nin sequera da súa estética, (espectacular por dentro e por fóra por certo), senón para contarvos que ocorría nos belos salóns da cafetería do Roma nos anos 34-36.
Momento de turbulencias políticas, (que desembocarían na máis terrible das guerras que sufriu o país), tivo diversos escenarios, pero un dos cotiáns, era a cafetería do Roma, (segundo contan competía duramente coa barbería de Linares, outro día presentáreivola).
Naquel amplo salón, tiña reservado o seu sitial na zona do fondo, (afastado das fiestras, pero observando toda a sala), o Excmo. Gobernador Sr. Ibars, xunto a el sentaban, amigos independentemente da ideoloxía, e moitas das forzas vivas da cidade, a maioría ( no 1934) afectos ao Partido Radical (Republicanos), e algún membro do C.E.D.A.
A zona central, (e digo así, porque era un conxunto de mesas moi próximas entre si, situada no centro xeográfico da sala), a máis ampla, acollía ao grupo socialista con Don Manuel Suárez (alcalde no 36) , e na súa contorna ampliando o circulo, o resto de grupos, Os Galegistas, un dos mais numerosos, dado que seguía aglutinando a intelectuais de diversas tendencias de pensamento, pero nacionalistas de corazón, así coincidían Risco, Otero, Cuevillas, Bóveda (que se deixaba ver pouco pola cidade), Peña Rey, etc. , tamén neses niveis do circulo, asentábanse o grupo dos "apolíticos" (os que eludían falar de política), que incluía entre as súas cadeiras, a verdadeiros elementos neutrais, así como a membros de grupos na clandestinidade, ou case, Valencia, Meleiro, Bárcena etc., (Falanxe ), non nos esquezamos dos renovadores de Calvo Sotelo , en cuxas filas estaban algún dos mais importantes industriais da cidade Villanueva, Meruéndano, Cambón etc. Para terminar de formar o cadro político, teremos que situar aos comunistas, e estes ocupaban a zona das ventás do Bar.
Por non alargar a entrada deixarémolo aquí, xa farei o número II.
A fotografía do Roma procede do diario La Voz de Galicia, e publicouse tamén no blogue http://vellaenobregallaecia.blogspot.com/.
Os escuetos datos do texto, poden ser ampliados en varias obras, unha das máis recomendadas é a de Dona María Victoria Carballo-Calero Ramos "La Transformación de una ciudad Orense 1880-1936".

No hay comentarios: