Consejos y avisos

3/6/09

O tio Nicolas

A fotografía que nos remite Don Santiago Mosquera, é outra das xoias que el atesoura e que afortunadamente nos cede.
A chegada dun familiar dos que moran lonxe, aínda hoxe é causa de alegría, pero imaxinárvolo nos últimos alentos do século XIX, cando chegar de Madrid a Ourense podía ser unha aventura de máis dun día, (persoalmente ainda acordo nos sesenta, cando chegaba o meu tío avó Ramón, daquelas embarcado no "Maspalomas", (Transatlántico de viaxeiros), toda a familia revolucionábase, e ningún dos pequenos separábase del, entre outras causas, porque sempre caía algún agasalliño, (os nenos xa se sabe todo amor desinteresado)).
Volvendo á fotografía, non deixedes de fixarvos como sempre vos digo nos traxes, capas e chapeus dos personaxes.
O chapeu era de obrigatoria presenza, daba igual o extracto social, "a testa, cuberta", iso si segundo o nivel social utilizábase un modelo ou outro, aquí en Ourense por fortuna sempre gozamos da boina, que aínda que pouco ou nada empregada pola alta sociedade, o resto dos cidadáns sempre tiñan unha escusa para ter unha no seu perchero.
E para non estenderme máis, fixarvos nos infantes, atentos á presenza do fotógrafo, que inmortaliza, a escena, aínda a sabendas que están descoidando as súas ocupacións, por fortuna hoxe eses nenos terían a obriga de asistir ao colexio, e non poderían verse obrigados a gañar unhas perrillas vociferando as ultímas noticias pola estación de Canedo.

2/6/09

O Campamento

Remitenme este aviso pra que non vos esquezades, de ir a reunión os que vaiades asistir o campamento "Virxe do Loreto", na Coruña.
Ainda que agora que me fixo ben, vai ser que os que non foran case que millor que non vaian xa, a reunion era no mes de xunio do ano 1963.
De todolos xeitos non vos ocupedes, que de seguro que este ano algo organizaran no colexio, a lo menos o estupendo campamento "Amencer".

A Batalla de Flores

Fotografías propiedade da Familia Alonso Fitera

Nada máis lonxe da miña intención, que querer meter présa, aos profesionais que actualmente se dedican á fabricación destas efémeras obras de arte, pero recordolles que as datas veñense enriba, e o traballo debe estar a piques de finalizar.
Para que vexan como traballaban os mestres, eiquí déixovos esta serie de imaxes, que a miña amiga Reme Alonso Fitera, co permiso da súa nai prestoume.
Nelas podemos ollar ao máis prolífico dos artistas de carrozas de batallas de flores que tivemos na cidade, Don Federico Alonso Martínez-Risco, co seu colaborador, Don Carlos R. Alcalá, confeccionando a carroza "Os Cisnes", que participo o ano 1964 na Batalla de Flores Ourensá.

1/6/09

Publicidade cinematografica

Nos millores anos das salas de cine, era moda facer publicidade de xeitos diversos, a mais das carteleras, (penso que acordaredes a do Cine Avenida situada na esquina onde agarda a "Leiteira" no Paseo), facianse folletos como si foran pequenas postais, alguns de moi fermosa factura, e rozando a categoria de obras de arte; pois este era outro sistema, (mais economico pro dono da sala, xa que era pagada polo anunciante), facianse abanos que dun lado tiña a fotografía do actor ou actriz de turno, e na outra faciana tiñan a publicidade do "pagano".......
A verdade e que deste asunto, poderia falarnos con moitisimo mais coñecemento, Don Abelardo Gabriel (sen dubida quen mais sabe de cine en Ourense), ou o meu colaborador Don Lisardo Mazaira, (sempiterno coleccionista de postais de publicidade no cine),
................., sinceramente penso que vai ser millor que o fagan eles, de feito Don Abelardo xa se comprometeu a facer unha entrada no blogue ("ai eso si", non sei a tematica), e Don Lisardo por mais que lle coste tamen a facer algunha.

Futbol feminino?

Penso que vos vai a chamar a atención como a min, esta orixinal estampa deportiva.
Quen a vimos antes, non fomos capaces de encaixala dentro dos hábitos da época; pero a imaxe manda e non temos máis remedio que recoñecer que ocorreu.
Trátase dunha celebración deportiva, (fixándonos na pelota diríase que de fútbol), na cal participaban estas belas señoritas, aínda que tamén é posible que fosen as animadoras de devandito acto deportivo, fago esa suposición, en base a que só aparecen nove posibles xogadoras, e os meus coñecementos sobre o "football", non son o suficientemente amplos como para afirmar se nalgún momento as normas permitiron formar equipos só de nove, pero en principio coido que non.
Chama tamén a atención, que non apareza ningunha posible porteira, que como é sabido afán levar unha vestimenta distinta.
O escenario sen poder afirmalo con rotundidade, puidese ser o Campo Loña, pero faltan referencias para a súa total identificación.
Isto é todo o que son capaz de achegar, como vedes todo son conxecturas, sería necesario que vós os meus lectores, acheguedes no caso de que a teñades, mais información, o cal agradeceríavos.