Consejos y avisos

9/11/15

Ourensania 2015 (Gerardo Gómez Gómez)

   
   O vindeiro mércores 11 entrégase o premio Ourensania 2015 a Dona Mariluz Barreiros, presidenta da fundación Eduardo Barreiros, o seu traballo difundindo o legado do seu pai, fana merecedora de tal galardón. E permiten dalgún xeito facelo extensivo a don Eduardo. 
O coralista Gerardo Gómez recuperou para este evento, os actos de homenaxe que a coral dedicou aos irmáns Barreiros no 73, durante os cales tiveron o honor de ser recibidos polos naqueles momentos príncipes de España.


CORAL DE RUADA:
HOMENAXE AOS IRMÁNS BARREIROS E

VISITA AOS PRÍNCIPES DE ESPAÑA (1973)

Corrían as primeiras semanas do ano 1973 cando,  nunha reunión da Xunta de Goberno da Coral De Ruada que presidía D. José Fernández Borrajo e da que eu era o secretario xeral, analizáronse os grandes éxitos que viña recollendo a Coral -baixo a dirección de Manuel de Dios- nas súas actuacións dos meses anteriores na provincia de Ourense e no resto de Galicia, ademais de no Norte de Portugal. Coidamos que era o momento axeitado para ofrecer unha actuación de resonancia e renome na capital de España, concretamente no “Teatro de la Zarzuela”. Pero para levar a cabo esa actuación e materializala cumpría buscar un financiamento suficiente para sufragar tan altos custos.

Despois de barallar varias posibilidades, pensouse que a mellor solución sería organizar unha homenaxe a Eduardo Barreiros, recoñecido empresario Ourensán, que, ademais do gran poderío económico do que gozaba naquela época, tamén dispoñía de grandes influencias a tódolos niveis sociais e políticos.

Acordouse constituír unha comisión que se desprazase a Madrid para entrevistarse con D. Eduardo e tratar o tema da homenaxe. Para tal cometido nomeouse a dous vogais da Coral, Manuel Rego Nieto e César Gutiérrez Quevedo, que aceptaron o encargo con sumo agrado. A embaixada ruadista informou a Eduardo Barreiros do proxecto e este aceptou tódolos termos, tanto económicos como sociais, da proposta, poñendo unha soa condición: que a homenaxe non se lle fixera a el, senón a tódolos irmáns Barreiros, condición que, naturalmente, foi aceptada.

A continuación os directivos da Coral dirixíronse ao Centro Galego, que presidía o xeneral Constantino Lobo Montero, para programar as actuacións da Coral e demais actos. Tamén falaron coas, daquela, influíntes personalidades ourensás Paquita Rumbao e Eugenio López López “Genín”. Por outra banda, Manuel Rego Nieto conseguiu que os Príncipes D. Juan Carlos e Dª. Sofía concedesen  ao coro unha audiencia no “Palacio de la Zarzuela”.

A organización e programación da viaxe foime encargada a min, como parte das miñas funcións na Xunta de Goberno da Coral. Baixo as instrucións de Pegerto Puga (de Viaxes Puga), contratamos a Renfe un vagón liteira, exclusivo para a Coral, para as viaxes de ida e volta, o aloxamento para tres días no Hotel Príncipe Pío e un autocar para os desprazamentos por Madrid.


A Coral De Ruada actuaría no “Teatro de la Zarzuela” o mércores 4 de abril ás sete e media da tarde e no intermedio da actuación faríase entrega aos irmáns Barreiros dunha placa e un pergameo como homenaxe de agradecemento aos seus desvelos por Ourense e a súa provincia. Ao concerto asistiron as autoridades provinciais: Daniel Regalado Aznar, gobernador civil; Ricardo Martín Esperanza “Caíto”, alcalde de Ourense; David Ferrer Garrido, presidente da Deputación. Tamén asistiron varios ministros; lembro, por exemplo, a José Solís Ruiz “la sonrisa del régimen”, personalidades como os xa mencionados Genín, Paquita Rumbao, Lobo Montero, etc., ademais dos críticos dos principais xornais da capital. Nin que dicir ten que o concerto resultou un grande éxito con moita repercusión en toda Galicia.

Despois da actuación fomos  convidados polo Centro Ourensán, que presidía a allaricense Paquita Rumbao, a una cea de gala no Hotel Mindanao.

O xoves, día 5, desprazámonos ao “Palacio de la Zarzuela”, onde fomos recibidos moi cordial e atentamente polos entón Príncipes de España, D. Juan Carlos e Dª. Sofía. Despois de visitar os arredores do pazo fixemos una foto conxunta e, a continuación, o Príncipe pediunos que cantásemos “La Sombra Negra”, referíndose, obviamente, á “Negra Sombra”. A Coral De Ruada agasallou aos Príncipes cun fermoso regalo artístico.

E o dia seguinte viaxe de volta a Ourense. Na primeira reunión da Xunta de Goberno, ao regreso de Madrid, acordouse nomear a Eduardo Barreiros “Amigo de Honra” da Coral De Ruada, ao que respondeu cunha moi xenerosa aportación anual.



No hay comentarios: