Esta semana todo foi carnavales e colaboracións.
Non é habitual facer entradas tan extensas, pero creo que nesta ocasión non había outra opción. Chisco viuse obrigado a comprimir os seus recordos, en tres entradas que sei van resultar do voso agrado.
Hoxe a primeira, e o martes e venres próximo as outras dúas.
Hoxe a primeira, e o martes e venres próximo as outras dúas.
Hoxe preséntovos a magnífica achega do escritor Francisco X. Fernández Naval, (Chisco), quen nos regala parte dos seus recordos sobre un dos chorados salóns de cine que tivemos en Auria:
O Coliseo Xesteira
Cando paso pola
actual rúa ourensá da Concordia, antes Capitán Eloy e antes primeiro tramo da
Avenida de Bos Aires, non podo deixar de sentir unha certa mágoa ao ver en que
derivou o local do Coliseo Xesteira. Unha mala xestión familiar da herdanza
recibida e un nulo interese das institucións por manter e conservar un
patrimonio que foi privado e público ao tempo, deu este abandono.
Conservo un álbum
con gardas de coiro e cubertas de raso, que conta parte da historia de Manuel
Fernández Borrajo ou Manuel Xesteira, meu tío avó, fundador do cine. Nas súas
páxinas interiores, con versos de Rubén Darío (Yo soy aquel que ayer...) ou de Ruskin (Tan firme y constante/ como la luz que nace...) vaise narrando a
construción do edificio que alberga o cine, con fotografías do momento da
inauguración e recortes de prensa que saúdan a apertura do local, poñendo
énfase na decisión de darlle un nome en galego. As obras execútanse durante os
anos 1938 e 1939 e a inauguración quizais ten lugar o día 4 de xaneiro de 1940,
aínda que iso non está claro.
Eu digo sempre
que medrei aí, nese cine, entre o patio de butacas, ao que accedín, case
sempre, pola porta do corredor da esquerda, o que levaba aos baños e ao
despacho do meu pai, situado nun altiño, con fiestra circular sobre o corredor e
que abría ata a metade, por ter dous puntos que actuaban coma eixo. O despacho
estaba dividido en dúas partes, o que fora do meu tío avó Manuel Xesteira,
fundador da empresa Xesteira, que deu o cine, o local de té, o café e o salón
de xogos, todo no mesmo edificio, pero tamén, desta vez en sociedade cos
Perille, da empresa de transporte de viaxeiros, que tiña as cocheiras no Túnel,
entrando polo paseo, hoxe Galerías Centrais, e adxudicataria dunha das liñas
entre Ourense e Verín. Esa parte do despacho, de estilo americano, lembraba aos
que se vían nas películas de Borgart. Na outra parte meu pai, detrás dunha
enorme mesa de madeira, con máquina de escribir Remington e unha calculadora
manual, prehistórica, na que os números íanse compoñendo con panquiñas, (unha
para as unidades, outra para as decenas, centenas, millares...) que a min sempre
me fascinou e que meu pai manexaba con habilidade e precisión, levando con ela
a contabilidade do cine, tanto dos cartos, como dos tacos de entradas.


O Coliseo
Xesteira, no seu momento, foi un dos paradigmas de salas cinematográficas a
nivel español. De feito, existe constancia documental de que os técnicos que
deseñaban o cine Palafox de Zaragoza, viñeron a Ourense a estudar a iluminación
e acústica do Xesteira. Probablemente é lembrado como sala de exhibición
cinematográfica e non como teatro, pero orixinariamente cumpriu as dúas
funcións, ata que chegou o TODD-AO, sistema de gravación e proxección con
resultados excelentes, consistente nun negativo de 72 mm., con 5 perforacións
de arrastre a cada lado do fotograma e unha velocidade de 30 imaxes por segundo
e 6 pistas de son, cinco saíndo por detrás da pantalla e unha, en sensurround, que envolvía o auditorio. O
resultado do TODD-AO na historia do cine considérase extraordinario, pero
requiría pantalla cóncava fixa, cunha curvatura de 128º. A empresa Fraga que
daquela rexentaba xa por aluguer a sala, e tamén o teatro Losada, decidiu
dedicar o Xesteira a cine en TODD-AO e o Losada a representacións teatrais e
musicais e cine convencional, con sesión continúa. Eu sempre pensei que a
primeira película que se estreara no Xesteira con este sistema fora A conquista do oeste, dirixida por
Henry Hathaway, George Marshall, John Ford e Richard Torpe. Lembro a estrea
dese film e conservo a sensación de conmoción que me produciu o me sentir fisicamente
metido nas historias, en particular na escena dunha escorrentada de búfalos. Pero
non. Agora sei que esa película estaba feita co sistema anterior das grandes
producións, o Cinerama.
O TODD-AO trouxo ao
Xesteira películas filmadas nese formato como: A volta ao mundo en oitenta días, que supoño sería a primeira, con
Cantinflas, David Niven Shirley McLaine e as aparicións de Frank Sinatra,
Marlene Dietrich ou Buster Keaton; Oklahoma;
A Biblia de Huston; Cleopatra
de Mankievicz, con Elizabeth Taylor e Richard Burton; Sorrisos e bágoas de Julie Andrews; Hello Dolly, con Barbra Streisand e Louis Armstrong; As sandalias do pescador, con Anthony
Quinn; Patton; 2001 unha odisea no espazo, coa que eu fundei o meu propio club de
fans de Stanley Kubrick ou Aeroporto.
Moitas desas películas vinas en sesión de sábado pola noite, coa miña nai e
miña irmá. Íamos e regresabamos os catro xuntos, xa de madrugada, contentos e felices. As últimas feitas en TODD-AO,
que eu lembro ver na sala foron A fuga
de Logan e Conan o bárbaro. Utilizo
para as traducións dos títulos ao galego, as versións en castelán, aínda
sabendo que algúns non coincidían co título orixinal, pero esa versión castelán
forma parte da nosa educación sentimental.
No hay comentarios:
Publicar un comentario