Consejos y avisos

24/7/12

Ourense no Tempo en Gou Magazine 1

"O Charleston" Cesar Peréz Prieto (fotografía del archivo de Carlos Vello) fotógrafo desconocido

Coa entrada de onte, retomei o costume de reproducir no blog, as colaboracións que facemos cos medios de comunicación. Concretamente os que se publicaron na revista Gou Magazine, é posible que se convertan en pezas de coleccionista.

A pesar de que a revista tiña detrás a un equipo fabuloso, capaz de desenvolver un produto de alta calidade, como se demostra nos seis números que viron a luz (5 números mais o 0), a situación que estamos a atravesar finalmente non permitiu que conseguisen ter viabilidade económica. Imos pensar que se pode retomar o proxecto máis adiante, cando pasen estes nuboeiros.
De momento os que non puidésedes facervos cun exemplar da revista, aquí tedes o primeiro artigo. O texto é de Fernando Valcárcel, cun pequeno apuntamento meu sobre a historia da fotografía. (queda un pouco longo o texto, pero penso que paga a pena)
Míralle para os zapatos (Apuntamentos sobre os limpabotas)

Tería uns once anos cando o son dunha voz grave violentaba a sobremesa na miña aldea materna. Un home de traxe escuro e brancos cabelos peiteados con exactísima precisión cara atrás, expresábase nun castelán forzado, derrochando aquela arrogancia da que carecemos os que estudamos en colexios concertados. Tras interrogar ao patriarca sobre a identidade do persoaxe, él sentenzou: “míralle para os zapatos”.
Teño o orgullo de ser neto do Fondevila, un garda municipal curtido na rúa, e acostumado a lidiar coa fauna urbana local. Del aprendín cousas que por irreverentes non aparecen nos libros. Leccións de vida. Verdades coma puños coma que lucir uns zapatos impolutos e virxinais, así como un correcto rasurado e o posterior bautismo con “Varon Dandy” constitúen a mellor carta de presentación para unha sociedade conservadora e clasista da que durante décadas comeron moitos limpabotas desta nosa Auria. 
Un dos máis coñecidos foi “Charlestón”. O “Charlestón” gastaba sombreiro, cachimba e gafas afumadas. Recibía tal alcume polo movemento que realizaba ao desprazarse sobre os seus deformes pés. Tiña unhas extravagantes habilidades, xa que comía cristais, tragaba sabres e chuspía lume pola boca, por tal cousa, algúns referíanse a el por “o fakir”.
A minusvalía que padecía non lle impedíu cumplir relixiosamente coas obrigas profesionais, somente interrumpidas cando a comezos dos 70, algún amigo do alleo levou consigo o carriño no que se desprazaba (seguramente no impás da chiquita), e que, unha xenerosa colecta cívica se encargou de restituir para así posibilitar a cita diaria na Praza Maior para dar lustre ao calzado do Mosquera e da Moderna.   
O oficio de limpabotas estaba estrictamete reglado. A tarefa encuadrábase dentro das “industrias callejeras” xunto con afiadores ou fotógrafos. Dispuñan dun carnet identificativo, outorgado trala expedición do certificado de boa conducta por parte da Xefatura da Garda Municipal e a comprobación de estar inscrito no Padrón de Veciños de Ourense.
A autoridade asignaba a cada individuo un número profesional que figuraría na caixa de traballo e no traxe “mono” á altura do peito. Xunto co identificativo, designábase un lugar onde desenrrolar a actividade suxeita a un canon municipal diario.
A tarefa, exclusiva dos homes, non era palla, o pulso sufría de seu trala xornada de manexo de trapo e cepillo. O incómodo da postura en pouco axudaba. O servizo acostumaba incluir a lectura da prensa local, pero, en moitas ocasións a animada charla do “limpa” impedía tal graza durante os 15 minutos que duraba o servizo. Estaban ao día de tódolas “novidades”, xa que, a vida na rúa, e o habitual contacto co cliente favorecía a propagación de tan “privilexada” información.
Eran contínuas as inspeccións de tintes, cremas e cepillos. Quen manipulaba estes elementos debía observar unha conducta exemplar, perseguíndose o feito de dar voces en reclamo de clientes.
Outro limpabotas célebre foi “Berdellón”, amante dos caldos do país, con fino bigote e parada profesional na rúa do Progreso, foi protagonista de mil e un contos, algún deles certo.
Nos anos 40 multiplicarase a aparición destes profesionais, que, como Eladio Nóvoa ou José María Dieguez, visitaban a diario as sociedades, cafés musicais ou hoteis parapetados co gorro “cuartelero” en comunión co traxe, e a caixa de madeira como prolongación do seu antebrazo.

O “Hotel Miño”, o “Roma”, e os cafés como “A Bilbaína”, o “Victoria” ou o “Iberia” eran os “doces” aos que todos querían incar o dente. Os que pretenderan traballar nestes distinguidos establecementos debían dispor do beneplácito dos donos destes negocios e portar a correspondente autorización escrita. Todos eles desapareceron co tempo da man dos “limpas”.
Dende aquela tarde de verao de recordo áspero e difuso, cando o destiño me coloca fronte a un descoñecido, case sen querer, de maneira sutil e inconsciente nun acto tan reflexo como irreflexivo, tan absurdo como mordaz e inquisitorio, o primeiro que fago é…, “mirarlle para os zapatos”.
“Boulevard du Temple”, Daguerre, 1839. O orixinal desapareceu, po lo que somentes conservase unha copia no Museo de Munich.
Na Historia da fotografía, precisamente un limpabotas e o seu cliente ostentan a honra de ter sido as primeiras persoas das que se obtivo unha imaxe fotográfica.
A comezos de 1839, Louis Jacques Mandé Daguerre, facendo ensaios dende a ventá da súa casa coa súa cámara escura, obtivo unha fotografía do Boulevard du Temple, na que a pesar do tempo preciso para a exposición, dous personaxes quedaron reflectidos; precisamente os únicos que se mantiveron mais ou menos estáticos durante o tempo necesario. Tratábase dun limpabotas e o seu cliente.


No hay comentarios: