Consejos y avisos

18/1/12

Rua Esperanza


Está claro que as cousas de Palacio van devagar, como dicía a miña avoa.
Hai xa practicamente dous anos, que vos ensinei esta fotografía, e daquelas pedía colaboración para identificar o lugar onde se podía ter obtido a imaxe.
Houbo varias suxestións, unhas máis factibles que outras, pero a que concentrou a maioría dos votos, foi a da zona dos actuais xardinillos do Padre Feijoo. Pero como vos comentaba naqueles momentos, seria necesario datar a fotografía nunha data anterior polo menos ao 1897.
Estes días de cuasi repouso obrigado, están a permitir que visite con mais asiduidade, bibliotecas, museos e arquivos da nosa cidade; precisamente nun deles a semana pasada, comentáronme, que un dos para mín, mellores investigadores que temos na cidade estaba por fin a preparar a próxima presentación dos laboriosos e meticulosos traballos que leva realizando anos, e que sabemos de sobra que se vai converter en texto de cabeceira, para todos os que gozamos coa historia da nosa cidade.
O caso é que entre os planos que manexa o amigo Avelino, figura un, repleto de magníficos datos, no que se nos mostra a situación precisa do Caserón de don Juan Igneson, a casa do Concello, e outros varios detalles; (se acaso botase en falta que non apareza a Farmacia de Reinoso, pero iso é outra historia), entre os que pra mín resulta de grande interese, a presenza do trazado real da Rúa Esperanza. Fostes moitos de vós os que me preguntastes por ela; ultimamente en concreto, a amiga Francisca Castro, (agora non terá mais remedio que explicarme o porqué do seu interese).
Pois bo, con todas as dúbidas existentes, encantaríame poder dicir que a fotografía mostra as casas da rúa Esperanza, iso suporía que esta imaxe do amigo Francisco Méndez, fose das máis antigas que conservamos na cidade.
Aquí déixovos un plano chafalleiro da rúa, e o desexo de que saia á luz o antes posible o traballo do amigo Avelino, para solucionar gran cantidade das dúbidas que eu polo menos teño de como era nosa cidade.


No hay comentarios: