Consejos y avisos

12/5/10

O Quiosco da Alameda II

Como vos comentei onte, a entrada de hoxe, remítema o neto de don José, quen desde logo esta máis capacitado ca mín, pra narrarvos os feitos desta desagradable parte da historia local.
“Nas fotografías pódense ver a José Rodríguez Faílde (meu avó) (1887 Piñeirón-Carracedo,1958 Os Peares) e o Quiosco situado nos Xardíns do Bispo Cesareo (Alameda), da súa propiedade, que rexentou nos primeiros anos trinta do século pasado ata que chegaron os anos do chamado "alzamento" e a guerra civil española.
O meu avó cos cartos que fixo en Cuba, onde estivera emigrado, mercou o mesmo e comezou vender libros, revistas e xornais que non debían de ser moi do agrado de certos sectores da cidade. Xa en 1934 foi detido simplemente polo feito de non vender prensa de dereitas e estivo uns quince días en prisión. Sería o preludio do que sucedería uns anos máis tarde.
O delito de José Rodríguez Faílde era ter unhas ideas demasiado progresistas para a época.
No quiosco reuníanse obreiros a ler e comentar a prensa e tamén xente como os da A.T.E.O...

Dicían nunha denuncia os de Falange (tan de moda de novo estes días) contra o meu avó: “...que estaba afiliado a izquierda republicana, habiendo hecho una gran propaganda extrema. Formó parte de mítines comunistas en el municipio de La Peroja.
El quiosco, de su propiedad, era centro de reunión de todos los directivos del periódico “ATEO”, órgano del magisterio. Vendía toda la prensa comunista, revistas pornográficas y toda clase de folletos disolventes ¿?. Su conceptuación religiosa es la de ateo y la vida pública mala.”
Por estas razóns tan demagóxicas e subxectivas debeu ser que nos primeiros intres do "alzamento" o seu quiosco foi queimado por estes elementos, precisamente, e non contentos co realizado foron depositar as cinzas á porta da casa dos meus avós en sinal de vinganza de non sei moi ben que?.
O meu avó tivo que regresar a aldea e andou fuxido un ano ata que o prenderon estivo outros tres en distintos cárceres acabando en liberdade miragreiramente sen terlle feito mal a ninguén...
A día de hoxe as calamidades que tivo que pasar el e a familia non foron reparadas e o quiosco que foi e era o modo de subsistencia da mesma nunca foi indemnizado nin moral nin económicamente.
Alfonso Rodríguez (neto de José Rodríguez Faílde).
(Na dereita do blogue tedes un enlace a páxina de Don Alfonso, na que podedes ampliar os datos deste feito, incluso o relato da detención, o mais puro estilo dun thriller)

No hay comentarios: