Consejos y avisos

14/5/09

A Canella da Sinagoga

Da existencia dos xudeus na cidade temos moitas pegadas escritas; da súa localización maioritaria na Rúa Nova, (Lamas Carvajal), Barreira, Groria (Arcedianos), Tendas, en resumo polas proximidades do Concello, da súa capacidade de traballo , da súa habilidade para os negocios, ata aparecen referencias á súa habilidade coas cifras e contas, (varios membros da comunidade foron contables, contadores), se ledes o excepcional libro "Del Orense Antiguo" de Don José Adrio, atoparedes xa algunhas desas referencias.
Con todo non chegaron aos nosos días, mostras da súa arquitectura, (eu polo menos descoñézoas), lendo textos, sábese que moitos habitaban en vivendas arrendadas, e que cando se lles intentou concentrar a todos na Rúa Nova, fíxose que deixasen as súas vivendas os moradores habituais, para eles.
Tamén en diversos textos, menciónase a existencia dunha Sinagoga, da cal existe plena coincidencia en situala na Rúa Nova, presumiblemente (non vos fiedes en exceso de mín), case enfrontado a esta canella, a casa que fai esquina case se podería descartar dado que temos datos de que o edificio tiña acceso pola rúa da Gloria, co cal sería a seguinte edificación, onde está "La Mariposa".("lindando coa casa de roi de montes, clerigo que foi de sant pedro de sorbeira et clerigo do coro da iglesia dourense"*, dun texto do 1441 gardado no arquivo da catedral de Ourense, citado por Don Anselmo Lopez Carreira no seu libro "Ourense no século XV")
Co cal supoño que esta pequena canella, (dende fai moito tempo inutilizada, supoño que por cuestións de seguridade), que enlaza a Rúa Lamas Carvajal, cos xardíns de Concepción Arenal, (na fotografía a entrada o pé da Igrexia de Santa Eufemia) poida que sexa o único vestixio urbano, (aínda que só sexa polo nome co que aparece nos escritos "Canella dá Sinagoga") da presenza da comunidade Xudía na cidade.

No hay comentarios: