Consejos y avisos

3/12/08

Foto Mazaira 1 (1940)

Fotografía propiedade de J. Campillo
Procedente de Chantada, nos anos 40 chega á cidade Don Lisardo Mazaira López, naqueles intres existía a moda dos "fotógrafos do minuto", os clientes achegábanse ás oficinas, (barracas), instaladas na "Barronca" da alameda, e alí estes profesionais con mais habilidade que medios, facían as súas fotografías, case sempre utilizando panos orixinais de verdes paisaxes ou ceos estrelados e algúns obxectos como equinos brancos de cartón, ou magníficos turbo reactores.
Fotografía propiedade Foto-Mazaira
O do minuto supoño que sería polo típico "dáme un minuto", o certo é que a entrada do negocio estaba sempre chea de cabichas de "Caldos", e non lle botemos a culpa á escasa dilixencia do persoal municipal de limpeza.
Don Lisardo e a sua Dona Manuela Saburido Vazquez (a primeira muller en Ourense que adicou o seu tempo a fotografía), sufriron as incomodidades desas magníficas instalacións, ata que se puido permitir o traslado a un portal, situado na Avenida de Pontevedra, á beira do café "A Unión", debeu de coincidir cun momento en que se decidiu eliminar as casetas, xa que tamén o seu veciño Sanjurjo , trasladouse ao seu estudo na rúa Progreso, á beira da "Regidora". (do relevo po lo seu fillo, tamén Lisardo Mazaira (Saburido), falaremos noutra entrada)

2/12/08

Os Alumnos Maristas


Desde que descubrín as fotografías dos Irmáns Salesianos, (que podedes ver na súa sección), con todo o grupo de alumnos, púxenme a buscar algo parecido dos Irmáns Maristas, e de momento non o atopei. (Por descontado, que existen as fotografías de cursos, que algunha xa vos mostrarei, pero de gran grupo non).

O mais parecido é isto que vedes aquí.
Se a loxística permíteo, (retratar a 1300 persoas, non é sinxelo) este ano histórico para o colexio, si que terá un recordo gráfico de todos os que forman a comunidade educativa.

Axiña que se faga daréivola á coñecer.

1/12/08

Os últimos días da "Chevrolet"

s
A verdade é que esta é a terceira vez que aparece este edificio neste blogue, pero creo que debido á súa situación estratéxica é comprensible, e non será a última vez que apareza este cruzamento.
Esta fotografía reflexa os últimos momentos de existencia da Chevrolet, aínda que xa prestara servizos temporalmente como oficina do "Banco Hispano Americano", para os ourensáns seguiu sendo a Chevrolet ata o final.
A imaxe corresponde a finais dos anos 60, durante unha batalla de flores, (pero iso xa se imaxinaba, non ??.

Exposición Carrileiros

Sinto haberme decatado tarde, pero aínda estamos a tempo.
Os amigos de "Carrileiros" dende o 23 de novembro ata o 7 de Decembro, acollen nas súas instalacións unha coidada exposición conmemorativa, dos cincuenta anos da apertura da liña Coruña Ourense Zamora, en horario de 17 a 20,30, podedes achegarvos á antiga "Zona" do cuartel de San Francisco e gozar dela, así como ver as orixinais instalacións que ten a asociación.
De paso que vos achegades a gozar da exposición tedes oportunidade de coñecer a súa magnífica revista "Cadernos de Istoria e Arqueoloxia Ferroviaria" .

Toni Perez y "Los Arquinos"

Toni
As festas, era o momento mais esperado do ano, mentres bailaban no xardín ou na alameda, as parellas podían arrimarse un pouco mais do habitual, chegando nalgún caso a crear alarma social.
Bromas a parte, esta fotografía é dos primeiros anos dunha "mítica" (como se di hoxe en día) orquestra ourensá, "Os Pérez", naqueles anos unha das de maior caché.
Non vos fixedes no cantante que é un intruso, (o del non é nin o micrófono, nin a trompeta, é home de copas e bandexas) o real esta agachado.
A foto é dunha das súas actuacións na Mejicana, substituíndo ao Pick-Up.