Consejos y avisos

1/12/09

Antes de Don Pegerto

Soamente, uns poucos de vós, entenderedes o titulo desta entrada, para ser sincero creo que soamente os seguidores do blog de David Paz Novoa
Nel, David, dende hai tempo, estanos a contar a historia do seu bisavó Pegerto Novoa; pois ben a historia detívose neste enclave, o numero 6 da Rúa Luís Espada.
Aínda que agardo que continúe co relato, o xa escrito vaime axudar a retroceder no tempo e tentar datar a escena que aquí vos traio.
En 1933 don Pegerto solicita permiso para abrir tenda de ultramarinos anexa ao seu restaurante, e presenta este deseño de fachada, como podedes ver a imaxe ten que ser anterior, o local estaba sen construír, e por certo, non se si a fachada proposta por don Pegerto chego a edificarse, eu só lembro a fachada da lencería España, caída fai ben pouco tempo, e en obras actualmente.
En agosto de 1930, don Pegerto faise cargo do Bar Restaurante "Universal", e como nos di David, instalou un letreiro luminoso na fachada, á parte doutro indicativo na rúa Progreso, creo que é evidente que esa fachada non goza do resplandor de luces rechamantes.
En 1926, Don Bienvenido Pardo Esperanza, inaugura o Bar Universal. Nese momento acábanse os datos facilitados por David, e ben podería ser que esa fose a data da imaxe; fixarvos que o balcón loce bandeiras, tanto na varanda, como nos mastros, e unha vivenda particular non adoitaba ter ese tipo de ornamento.
Aquí comeza a especulación, e aínda que cada un empregará a súa imaxinación, eu decántome por datar a imaxe ao redor dos anos 20, (ou un pouquiño antes incluso), fixadevos nos traxes dos acompañantes da comitiva festeira.
E aínda mais, fixadevos nos xigantes, dende logo non se trata do Rei e a Raiña, que foron (e son?) os últimos en ter o honor de desfilar na cidade, teño tamén unha dubida que fai que a datación se faga mais dificil, se vos fixades non se ven cabezudos, e sabemos que dende o ano 1899 sempre acompañaban os xigantes; antes desa data, dende o 1865, as "almazonas", (como aínda se lle chama nalgunas zoas do veciño Portugal), ian soiñas pola rúa, (o de soiñas e un dicir, xa que sempre iba toda a rapazallada xunto a eles, gardando as distancias, non fora ser que un xiro violento do xigante fixera que as grandes mans que tiñan, estoupara na testuz do mocete), e xa que falamos dos xigantes, polos meus datos este da imaxe, ben poidera ser o primeiro que detentou ese honor; o sombreiro que leva, e unha chistera, e o que o amigo Ático Noguerol plasmou no 35 lembrando a súa infancia, nun dos seus dibuxos, levaba bombín, (inventos-chistera 1797, bombín 1850), para..........., xa me acelerei.
Deixaremos o tema dos xigantes e cabezudos pra outra ocasión, de repente o feito de non ver os "ananos" cabezudos, e sinxelamente por que andaban trouleando tras os rapaces (escaparían do fotografo cos seus "terrorificos" artilugios).
Pra que non vos vaiades moi lexos nas vosas pesquisas, a rúa do Alba, abriuse cara o ano 1867.

No hay comentarios: