Consejos y avisos

22/11/10

Zamora 8

Se se me ocorre facer esta entrada, nos anos setenta, case con toda seguridade, tivese problemas; probablemente acusáranme de revelar segredos militares.
O Reximiento de Infantería Zamora nº 8; con ese nome pechouse a etapa militar destas edificacións.
Hoxe non é ese o tema a tratar; tampouco vou falar dos dramáticos sucesos, acontecidos nesas instalacións; nin sequera de que nesa chaira que hai vedes, é posible que se celebrasen os primeiros partidos de futbol, na nosa cidade.
Hoxe púxenme a intentar identificar esas instalacións, entre as que discorreu máis dun ano da miña vida, (os mozos lectores, non o recordasen, pero antes, todos tiñamos que pasar unha tempada de máis ou menos un ano, facendo servizo de armas, "A Mili", pero ese tema tamén será para outro día), e non se se será por problemas da miña memoria ou porque realmente a fotografía correspóndese a unha etapa anterior á da miña estancia, o caso é que non me coinciden certos elementos, e algún de gran envergadura.
Como vedes na imaxe inferior, puxen algúns datos, sobre a localización dos diferentes servizos do cuartel, pero non todo encaixa cos meus recordos; o máis rechamante para min, é a proximidade entre o edificio histórico, (Convento de San Francisco), e o que se supón ocupaba a "Zona de recrutamento e mobilización", na miña etapa, recordo que estaban moito máis distantes. A explicación que se me ocorre, é que se derrubou ese edificio que se ve na foto, e levantouse outro ao fondo do "Campo de Aragón".
As cocheiras, á beira da residencia de oficiais, dáme a impresión, de que non estaban construídas.
O edificio que albergaba á Policía Militar, (hoxe sede dos Carrileiros da Foula), tampouco aparece na imaxe como esta en os meus recordos.
Non distingo, na imaxe, os polvorins, situados por riba da Galeria de tiro, pero e posible que non estiveran feitos, ou que estean tan ben camuflados, que non se vean. De todolos xeitos, a munición que se gardaba naqueles tempos no cuartel, era soo testemuñal; o verdadeiro deposito de munición, estaba nas instalacions do Cumial.
E as pequenas edificacións que están á beira da nave do P.P.O. (iniciativa creo que excelente, coa que moitos dos recrutas podían aproveitar o seu paso por "filas", para no canto de perder ese tempo, aproveitar para aprender un oficio, mágoa que na miña época xa non funcionase), non teño a imaxe clara de se estaban ou non; algunha si que había, e eran as "letrinas", pero eu non lembro que fosen tantas.
Se alguén quere achegar algún dato, ten o meu mail á súa disposición.

A modo de referencia, comentarvos, que eu estiven, a cabalo do ano 79 e o 80, e a miña vida transcorría, logo dunha breve estancia na 2ª Cía. Na Plana Maior Admtva. a oficina de armamento, os polvorins, e a galería de tiro.

No hay comentarios: