Consejos y avisos

31/12/09

Pido desculpas

Pensaba que este ano, ía ser quen de escurrir o vulto, pero non foi posible; a autoridade competente, decidiu que ata despois do día dos Reyes, non podo publicar entradas no blog, e para asegurarse, enviou a este aguerrido soldado, a vixiar o meu computador.
Supoño que me recluirán nalgunha fría mazmorra, pero espero sobrevivir, ao cativerio, e poder continuar destripando a historia da nosa querida Auria. (Farei unha pequena trampa, e o día 5 enviarei a carta aos magos de Oriente, non vaia ser que se esquezan de min).
Feliz Ano 2010 a todos.
Esquecíame, si queredes estes días podedes aproveitar para revisar entradas antiguas e procurar atopar algun dos moitos gazapos que involuntariamente, de seguro cometín, ou a lo menos, gustariame que intentarades localizar o escenario onde se obtivo a fotografía que adorna esta entrada, coñezo o militar, pero non recoñezo o lugar, danme duas opcions, (pero pode haber mais), a praza de Saco e Arce, no casco vello, ou o cuartel de San Francisco, (de ser este último tivo que ser antes de facer unha boa remodelación).
Opinade vos.

30/12/09

Liceo de Ourense I

Fotografía cedida por Don Santiago Mosquera, dun concurrido baile na sociedade.
En xusto agradecemento polo trato recibido, inicio hoxe unha serie de entradas, que nos van lembrar, ao, en verbas de Don José Adrio Menéndez, "simpático vejete de interesante historia, que reserva juveniles energías e inmortales arrestos", a pesar do tempo pasado; dende que se fixo esta definición, corría o ano de 1930, (o de vellete, xa se entendía, daquelas, eran 80 abrís os que levaba ás súas costas), seguen vixentes hoxe en día.
Certo é que hoxe xa non é a única sociedade de Ourense, e que ten que competir duramente contra feroces inimigos: a presa con que vivimos, a proliferación de centros de "lecer", e no caso especifico da mocidade, o uso excesivo (é unha opinión), de certas maquiniñas, que fomentan o illamento.
Sexa como for, o Liceo de Ourense segue vivo.
O día 3 de marzo de 1850, no número 14 da rúa de Lepanto (á beira do Trangallán), reuniuse un grupo de ourensáns, para decidir a posta en marcha da sociedade, desa reunión saíu o acta que podedes ver na páxina oficial do Liceo, e mais facilmente neste enlace.
http://www.liceodeourense.com/historia/actafundacional.htm (tedes no lateral do blog o enlace permanente aa paxinas do Liceo).
Como presidente, a sociedade decidiu nomear a titulo perpetuo, ao Sr Gobernador Civil (non sei se ao do momento, ou foi concedido esa honra ao cargo en si), co cal o Vicepresidente Don Vicente Lobit, seria quen desempeñaría esa función.
Nun primeiro momento, a sociedade contaba con 163 socios, que abonaban 20 reais de ingreso, e 4 mensuais. E a denominación con que comezou a súa andaina, foi a de "Recreo de Artesáns de Orense".
En vindeiras entradas seguirei facilitando datos.

Imaxén actual do patio de columnas da sociedade.

29/12/09

Retorno o Posío (Miguel Abad Vila)

Xa fai tempo, pedinlle o amigo Miguel, unha entrada para o meu blog; a bo fe que teño claro que anda moi ocupado, pero estes días de nadal, son propicios para os agasallos, e de xeito xeneroso meu amigo non deixou pasar a ocasión. Aquí tedes un anaquiño das lembranzas aurienses de Miguel. (coma se fose un quebracabezas, intentar colocar as imaxes pequenas na maior).
Grazas Miguel
RETORNO O POSÍO
Permítanme a licenza. Inspireime no título da famosa novela de Evelyn Waugh, "Retorno a Brideshead". E a culpa tívoa esta vella fotografía do Xardín do Posío.
Fai xa uns cantos anos, a primeira escola á que asistín en Ourense erixíase na rúa do Progreso, case enfronte da porta que daba acceso desde esa vía pública ao Xardín do Posío. Era unha vella e tétrica casona, que especialmente aterrorizaba á miña irmá pequena.
Pouco tempo despois, cando culminaron as obras do Colexio Irmáns Villar, aquela bulliciosa tropa de alumnos de ensino primario fomos trasladados ás nosas novas dependencias: pupitres e lousas para estrear, aulas con calefacción e ata un comedor escolar.
Con todo, o entrañable parque axardinado continuou sendo o noso patio de recreo.
As alumnas do Colexio Divino Mestre, que se a memoria non me falla vestían entón un uniforme de cor castaña e abrigaban os seus corpos núbiles con chaquetas ou suéteres azul mariño, empregaban tamén a parte máis elevada do xardín como lugar de esparexemento. Na actualidade, aquel edicifio xa non existe, pois o colexio e a congregación relixiosa trasladáronse fai anos desde a actual rúa Ben Cho Sei ata o barrio do Vinteun.
Recordo aquel cercado felliniano, con randeeiras e tobogáns, poboado de flores, arbustos e árbores, moitos máis que agora. Non había estanque para os patos, nin terrazas de verán, nin pavo reais, pero si unha enorme gaiola, bocadillos de fiambre para a merenda e dúas fileiras de tilos que franqueaban a pista central, onde durante o Corpus celebrábanse os bailes, concertos e atraccións musicais das Festas de Ourense. E se me apuran, ata creo ter o recordo dun mozo Julio Iglesias cantando sobre o escenario. No verán, o kiosko da xeadería Ibense do Espiña despachaba sen descanso polos, vasiños e cucuruchos.
No Posío pelabámonos os xeonllos xogando ao fútbol, patinábamos, montabamos en bicicleta, cambiabamos cromos e xogabamos ás bólas, ás canicas como dicían os máis repipis, perseguiámonos como policías e ladróns, pelexabámonos ata o primeiro sangue e empezamos a descubrir o amor e a malicia, case os dous ao mesmo tempo.
Ao Xardín do Posío chegábase desde a Praza Maior cruzando as rúas Colón e Pai Feijoo. Na primeira delas situábanse varios postos de venda de cómics, periódicos e lambetadas. Os máis vendidos, A Rexión, O Caso, o As, de cor sepia, e as aventuras do Jabato, O Capitán Trono e os inefables Mortadelo e Filemón. Recordo unha anciá que vendía chicles, caramelos e regaliz, empolicada sobre un primitivo mostrador encastrado sobre unha roca de granito. Para min era unha cova digna de Hansel e Gretel. Alí nos aprovisionábamos sobradamente cando iamos ás marionetas, na Praza de San Marcial, ou de camiño cara ao Teatro Principal, para ir á sesión infantil do cine. Películas do malvado Fu Manchú, peplums de gladiadores, con Maciste e Ursus á cabeza, algunha de vaqueiros, con Sartana e o Raposo, e uns anos máis tarde, as de Bruce Le, que desataron a moda de loita tipo artes marciais entre os golfos das cuadrillas do barrio.
Seguindo pola Rúa Colón, naquel entón abriron os novos perruqueiros Andrés e Pepe unha moderna barbería, que rivalizaba co establecemento moito máis tradicional de rúa Pai Feijoo do Manolo, onde os donos eran outra parella de veteranos do peite e a navalla, a piques de xubilarse. Ambas tiñan en común aquela entrañable fragrancia que desprendían, as masaxes de afeitar Floid ® e Varon Dandy ®, dous clásicos. Un pouco máis adiante, a man dereita, unha reloxería facía esquina coa rúa Pelayo, territorio vedado e salvaxe onde comezaba o mundo dos clubs nocturnos, cutres, macarras, con cegadores letreiros de cores e rechamantes nomes: O Edén, o Marfil Vermello, o Pequeno París, O Paraíso, O Suevia onde algunhas almas perdidas, a través do vidro opaco das copas e das botellas de cervexa, entre a densa fumareda de louro de contrabando intentanban negociar algún turbio afecto, ese a o que os máis desapiadados consideran sexo, puro e duro. Ao morrer o Franco, a lombos dos anhelados ventos da democracia virían os camelos, a heroína, os yonquis e a SIDA.
Ao final da rúa, enfronte da librería Pai Feijoo, nos baixos doutro desvencijado caserón que hoxe só existe na nosa memoria, despachaba o Bar Obreiro as súas abundantes racións de comida caseira a prezos populares, comedor ateigado ao mediodía e á cea pola clase menesterosa e traballadora. De alí recordo o bafo do caldo empañando os cristais, unha sopa untuosa cos fideos máis gordos que xamais contemple, e tamén o nutritivo aroma das patacas amarelas con xarrete guisado.
Vivín gran parte da miña infancia na rúa Padre Feijoo, á beira do Colexio San Fernando, xusto encima da sala de xogos onde as nosas diversións favoritas eran o futbolín, as máquinas tragabolas de petacos que os americanos denominaban pinball, os billares e a gramola onde soaban sen parar "Black Betty", o éxito dos Ram Jam, o archifamoso "Satisfaction" dos Rolling Stones ou o pegadizo "Nin máis nin menos" dos Chichos. Máis dunha vez sacaríame de alí a miña nai, polas orellas.
A rúa Padre Feijoo era a vía académica por excelencia da vella Auriavella, pois ao anteriormente mencionado Colexio San Fernando uníanse o Luís Vives, o Instituto Feminino e o Irmáns Villar. Ainda que non o pareza, tamén tiña valor academico a churreria da Balbina e o Sr. Eladio, cos seus bocatas de "patacas fretidas", que aportaban a enerxia precisa os estudantes nos recreos. E como non, a miña querida Farmacia Bayón, a antiga, rexentada polo afable e socarrón Afonso Bayón Toral, cunha rebotica que entón se me antollaba un misterioso laboratorio onde se fabrican fantásticos remedios, e a máis moderna, onde o malogrado Afonso pasou os seus últimos anos antes da súa prematura desaparición, hoxe en día dirixida polo seu fillo maior, o meu gran amigo Afonso Bayón Nieto. Cos Bayón, pai e fillo, viaxei durante un tempo a bordo dun Simca 1200 de cor cobalto e teito negro. Logo tería o meu pai un igual, pero de cor branca, onde eu aprendín a conducir. Todas as mañás, antes de partir cara aos Salesianos, recordo o cheiro do café con leite e os churros que se escapaba do Bar Recaredo, na rúa García Mosquera, un pouco máis debaixo da quincallería do Darío, e como aqueles efluvios mesturábanse con aquel outro, penetrante e delicioso, que emanaba da Fábrica de Chocolates "Nuestra Señora de los Remedios".

28/12/09

Accidente Espectacular

Cumprense hoxe 70 anos deste espectacular accidente; os feitos segun informacions recollidas na folla parroquial de Peliquín, foron a suma de varias desgraciadas casualidades.
O experimentado conductor do carrito, don Hermesindo Gaiteirin, baixaba palpando o freo do vehiculo pola rúa do Hospicio (carretera de Trives, hoxe Concordia), cando de supeto o coñecido industrial da vila Don Nicanor Rapagatos, sufriu un traspés, caendo no medio e medio da rúa; o habilidoso "shoffer" conseguiu evitalo, con todo non foi quen de face-lo mesmo co axente da autoridade que dirixia o trafico neses intres, dende o seu "pulpito" no "crux" da rúa Progreso, a quen co espello retrovisor, aceunolle un bo golpe que o deixou "espellado", que non "estrelado", (menos mal que daquelas levaban a bacinilla de ferro a xeito de casco).
Como podedes ver na imaxe obtida polo artista fotografo Sr. Pacheco, o carrito rematou intelixentemente o seu recorrido fronte a botica do Sr Bouzo, a sabendas, de que alí poderia recibir as curas de urxencia que foran precisas; na imaxe tamén podemos "ouservar", como as forzas do ordén, xa tiñan controlada a situación.
A noticia fora dos desperfeutos do vehiculo, que de seguro o Sr. Perille seria quen de arranxalos nun santiamén, (hay non, c... que xa non tiña o taller, bo, no que fora que calquera poderia facer ese apaño), non teria mais importancia, de non ser que o día seguinte Don Aniceto que así se nomeaba o axente da autoridade perjudicado, interpuso denuncia contra do "shoffer", por agresion intencionada, facendo uso do vehiculo a xeito de arma.
Seica habia unhas rencillas anteriores a causa dun marrao que liquidaran entre os dous, (segundo se soubo mais adiante eran compadres); o tema e que o facer o reparto Don Aniceto quen foi o encargado, quedouse co xamón que menos lardo tiña, contan os veciños, que xa denantes de darlle o coitelo o pobre do animal cando camiñaba semellaba que ia o ritmo da Macarena, pero por non molestar o "vitirinario", non lle deron a importancia debida.
Non conseguimos atopar mais datos do asunto, "asin", que si algún parente vivo ou non acorda o caso agradeciaromoslle nos facilitara o desenlace.
Calquera parecido con feitos reais e pura coincidencia, a imaxen como xa sabedes, e unha das montaxes que Don José Pacheco facia todolos anos polos Inocentes, e coincidiredes conmigo, que tendo en conta os medios cos que contaba, o traballo e de merito.

27/12/09

O tio Marcos en versión orixinal

Ata o dagora conformabame, con consultar unha edición facsimil deste xornal, e de feito semellabame xa un privilexio.
O caso é que descoñezo o motivo, pero non é o mesmo ler esa estupenda edición facsímil, que poder pasar as escasas follas de cada exemplar, nun orixinal.
Na última reunión o meu amigo Amador Rego, tróuxonos uns cantos exemplares dos que atesoura, e concedeume a honra de cedermos uns días, (metaforicamente, pero devoreinos, iso si con sumo coidado, e respecto, non podía ser doutro xeito, con algo que leva 133 anos entre nós).
Na proxima reunión, (que non sei cando podera ser), teño o palpito de que poderedes dar unha ollada o numero 1 da revista Nós. O que seria todo un luxo, seria que alguen atopara ainda que soo sexa un exemplar do "Gracioso", e no lo deixara ollar.
Aquí déixovos a portada do exemplar máis ancián do lote.
O 23 de maio de 2008, fixen a primeira entrada desde semanario galego, e nela tedes mais datos.