Consejos y avisos

20/10/11

A praza de Ourense por José Pacheco

 En Xuño do ano 1907 publicaba o xornal Gaceta de Galicia, o anuncio de que José Pacheco, con motivo do concurso de orfeóns programado durante as festas dese ano; realizara unha fermosa colección de tarxetas conmemorando o acto.
O concurso sabemos que se celebrou na praza de Toros desmontable, se ben descoñecemos a situación desta, xa que era aleatoria; uns anos estaba no que hoxe coñecemos como as Lagoas, (daquelas parte do campo dás bestas), e outros no campo de Los Remedios, onde hoxe temos o Pavillón de deportes.
Desa colección de tarxetas conservamos no Arquivo visual Ourensán unha boa parte dela, unida á que Don José realizo das corridas de touros da época; de feito, durante bastante tempo noso descoñecemento do tema, fixo que pensásemos que todas as tarxetas correspondían coa celebración das festas taurinas, cando realmente a maioría parece ser que se corresponden co concurso de orfeóns; apunta con bo criterio o amigo Pastor Fábrega que don José probablemente durante o concurso aproveitando que non existía perigo pola falta de morlaco, obtivo imaxes de todo o público, dende o centro da praza.
Intentaremos reunir toda a serie e cos modernos medios informáticos, reconstruír unha vista xeral de toda a praza. Pero iso será con tempo, por agora contentarvos con estas dúas mostras.
Agora que temos o dato, é máis comprensible a  segunda fotografía, tanto persoal na arena, non era normal, pero si que é máis habitual nun concurso de orfeóns, ou non?.

19/10/11

O Cadelo e o Ardillita


Como diciamos onte, (como me gusta esa frase); Praza de touros e espectáculos taurinos, durante moitos anos gozáronse na cidade.
Do que case non temos datos, é da incursión dalgún Ourensano no mundo do touro. Grazas a Manuel Outeiriño, (máis coñecido por Manolo Santamaría) e a Pastor Fábrega, nos últimos tempos souben de dous destes profesionais do toureo.
Cóntanme que a súa traxectoria non foi moi longa, e tampouco alcanzaron gran renome, pero aínda así, temos probas da súa actividade.
Benxjmín O Cadelo, descóbremo Manolo, como un home afable e servizal, con boa planta toureira como vedes na fotografía; dedicouse ao mundo do toureo, coincidindo con mestres como Marcial Lalanda e Juan Belmonte, nos anos trinta, na cidade foi moi coñecido, porque realizaba tarefas de matachín, traballaba no servizo de limpeza municipal, e era integrante da banda de música.
Do outro personaxe só podo dicirvos que era o Ardillita, e que tivo unha carnizaría na rúa Bedoya, neste caso polo que me di Pastor a súa actividade non é tan afastada no tempo como a de Benjamín.
Seguirei atento a conseguir datos destes dous personaxes, e algún máis que seguramente descubriremos; de momento queda no tinteiro algunha anécdota simpática, que acompañase novas imaxes que vaian xurdindo.

18/10/11

Semana de touros en Ourense



Esta semana aínda que non son festas maiores, ocorréuseme rescatar un antigo costume que os nosos maiores gozaban e non obstante hoxe en día Ourense retirouse do circuíto, e no resto do país sopran malos ventos para ela.

Falo da chamada Festa Nacional, os Touros.
Dende logo o coso ourensán, nunca foi dos importantes para a festa, pero de aí, a pensar como lles acontece a moitos dos ourensanos, que non existiu, hai unha gran diferenza.
Nalgunha entrada anterior, xa comentamos o tema das diferentes situacións que tivo ao longo do tempo, mesmo o proxecto que houbo de construír unha praza fixa na Avda. de Zamora, tras a igrexa de San Pio X. Pero do que nunca falamos foi de mestres Ourensanos na arte de cuchares. Bo se, andan polo blog unhas fotografías duns individuos vestidos co traxe de luces, pero que de toureiros tiñan pouco, podedes velas neste enlace clic eiqui.
O caso é que algún mestre saíu desta terra, certo é que non chegaron a destacar en exceso no panorama nacional, pero intentos e polo que se conta valor, si que demostraban. Mañana contareivos o pouco que conseguín descubrir destes cabaleiros, e o máis importante, mostrareivos a fotografía dun deles coas galas toureiras.
Por hoxe conformarvos que non é pouco, con esta fotografía feita por don José Pacheco, creemos que a principio do século XX (1902-1905).
 O marxe de presentar a eses gallardos novilleros, algún pode que Ourensano, ten outro detalle de interese; o lugar onde pousan os personaxes, existe a dúbida de se podería ser a estación de tren de Canedo.

17/10/11

Universidade Laboral (Fernando Valcarcel)


A UNIVERSIDADE LABORAL

En setembro de 1974 comezaban as obras da “Universidade Laboral”. O importe das mesmas ascendería a 208 millóns de pesetas, dos que 168 adicanse ao edificio.
O arquitecto redactor do proxecto foi o madrileño Julio Cano Lasso, en colaboración co seu colega José María Sanz Sanz. Ambos deseñaron un inmoble funcional en hormigón armado, un exemplo de arquitectura racionalista, que curiosamente pretendía imitar á “arquitectura popular galega”, polo emprego de grandes galerías acristaladas orientadas ao sur que permitiran a entrada de luz.
O modelo da “Universidade Laboral” tentaba abranguir máis aló do meramente pedagóxico, e, plantéxase como un “compromiso social” como resposta ás imperantes necesidades da nosa provincia no eido cultural e educativo, por elo, incluirá nas súas instalacións dúas residencias para alumnos, aulas e talleres, equipamentos deportivos, culturais e recreativos,…
Pese á magnitude da obra, esta inaugúrase en outubro de 1975. Nela traballaron uns 300 obreiros a turnos de día e de noite.
Na web da Universidade Laboral:  http://www.universidadelaboral.com/ , dende o enlace “O noso centro”, accederemos a moita, e máis detallada información sobre esta singular edificación: o lugar, materíais, interiores, galerías,….
A D. Julio Cano Lasso, outorgouselle a “Medalla de Oro de Arquitectura 1991”, o maís grande recoñecemento que concede o Colexio de Arquitectos de España polos méritos realizados en favor da Arquitectura.
Ás veces non valoramos o que temos preto. Serva esta humilde reseña para ensalzar unha gran obra da arquitectura comtemporánea que os ourensáns temos a sorte de disfrutar.

16/10/11

Ourense no Tempo nos medios. (La Región XXVIII)


Esta Semana foi a cousa de minuteiros e coincidentemente unha das fotografías publicadas polo diario La Región durante a exposición, foi esta que nos enviou o amigo Guillermo Álvarez, por certo, parente do gran Paco Paco que leva tempo sen aparecer polo blog, a ver se esta semana podo arranxalo....
A fotografía é do ano 1939, e como vedes en Ourense era posible navegar en lancha motora. Algún haberá que se fixe na botella de coñac que mostra o capitán, e aproveite para dicir que o botellón da alameda xa era habitual naqueles tempos; que non se confunda, esa botella posiblemente fose o premio obtido na barraca de tiro do Gonzalo, ou na tómbola do Cucurucho, e o seu destino era ser consumida probablemente como fin dunha comida de domingo, que non estaban as cousas para tirar foguetes, o 39 foi o 39.
Gustaríame que revisásedes o voso álbum de fotos, e se encontrades algunha destas marabillas, mas deixedes ver; no estudo da historia da fotografía, a parte que corresponde aos minuteiros, faise moi complicada debido á mobilidade que estes profesionais tiñan, en boa lóxica, pasábanse a vida en busca de festexos que lles permitisen aumentar a súa clientela. Poder ver a maior cantidade de fotos posibles, é o único xeito de intuír a frecuencia coa que desenvolvían o seu traballo na nosa cidade.
Que non vos preocupe que o barco se chame Coruña, ou na amura luza La Viguesa, perfectamente a fotografía puido obterse na nosa alameda, xa sabedes que para certos temas o Miño era navegable.