Consejos y avisos

Os recomiendo visitar los dos blogs, ya que a partir de ahora los días que haya entrada en www.Ourensenotempo.com no la habrá en http://ovrense.blogspot.com y viceversa.

Mail ourensenotempo@hotmail.com

26/5/16

A Remy das serpes e outros feirantes en Xinzo. Por Edelmiro Martínez Cerredelo.

Fotografía propiedad de Antonio Gil.
    As feiras de Xinzo que se celebran os días 14 e 27 de cada mes foron, ata fai uns anos, as máis importantes da provincia. Por ela andaban cortabulsas, trileiros –o máis coñecido era o Titá–, charlatáns –famoso foi o chamado Mario–, que entretiña os paisanos coa poxa e venda de diversos produtos, en canto os carteiristas aproveitaban a concentración de paisanos para lles alixeirar as carteiras. 


   Curandeiros como a Remy, que con serpes no pescozo vendía ungüentos para curar todos os males, instalábase na rúa de San Roque unha das más transitadas na feira. Sempre había unha morea de xente, sobre todo nenos, arredor dela. Impasible voceaba a súa milagrosa crema que estendía sobre a curtida pel dos seus brazos berrando: ¡Buenaaa para el reúmaaa!! E segundo me recorda Cesáreo Rúa vendía o remedio: ¡una a tres pesetas y dos a un duro y al que compre dos se le regala uno más que son tres!! Tamén tiña una frase que repetía a miúdo ¡Verguensa me dá! ¡Que no me conozcan! Tiña un compañeiro ou axudante ao que lle decía ¡Felipeee! ¡saca la culebraa! Momento álxido para os nenos que fascinados e temerosos miraban como se movía a tapada cesta onde as gardaba. 

   No verán aparecían polas feiras os vendedores de auga de limón para calmar a sede, quen non lembra o berro de ¡Aguaaa de limón frescaaa y dulceee! Tamén había nas feiras cantares de cego e moitos mendigos a pedir esmola. Os nenos, ao terminar a feira, ían ás zonas de venda de centeo para rebuscar no chan, á procura do valioso cornecho para sacaren unhas cadelas; outros, por uns céntimos, coidaban e gardaban no predio da igrexa vella en construción os burros, mulas e cabalos dos paisanos que viñan á feira. Á noitiña, e polos mesmos medios e camiños, todos os feirantes e clientes, ben comidos e bebidos, volvían para as súas casas e, como é sabido, cada un falaba da feira segundo lle fora nela.


Fotografía facilitada por Lola Pelaez

No hay comentarios: