Páginas

26/9/11

Filomena Dato por Fernando Román Alonso

 A entrada de hoxe, e un agasallo que nos fai o amigo Fernando Román, de quen esperamos que non perda as boas costumes, pra nos seria un pracer contar con algunha colaboración mais del; non en balde e un bo coñecedor da nosa historia, e un estudioso dos nosos persoeiros.
 Grazas Fernando

Filomena Dato Muruais naceu en 1856 na casa nº 10 da rúa ourensá de Cervantes. Tivo tres irmans, dous varóns e unha femia, ós que estivo vencellada toda vida, sendo a maior dos catro.

Filomena Dato foi un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista no século XIX, ademáis de Rosalia de Castro, Emilia Pardo Bazán e Sofia Casanova. As escritoras ourensá e padronesa destacaron, por riba de todo, na poesía en lingua galega xa que foron as únicas mulleres que viron publicados libros na nosa lingua no século XIX ainda que tamen o fixeron en castelán; con Emilia Pardo Bazán e Sofia Casanova uniulles unha boa amizade ainda que na súa obra estas empregaban o castelán.

Daquela integrouse nos cenáculos literarios galegos de sona, especialmente nos de Valentin Lamas Carvajal, no dos seus curmáns os Muruais con Valle-Inclán na casa do Arco en Pontevedra ou na tamen pontevedresa botica da Peregrina e na de Benito Fernández Alonso, no seu comercio de panos, na casa número 8 da Praza Maior ourensá, presidida polo astorgano Marcelo Macías e García. Era tal o valor persoal coma literario de Filomena que mantivo relacións amicais con personaxes senlleiros da literatura e do pensamento galego e español, alguns xa citados anteriormente Valentín Lamas Carvajal, Manuel Curros Enriquez, Manuel Murguía, Marcelo Macías, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Ramón María de Valle-Inclán, Heraclio Pérez Placer, Alejandro Pérez Lugín, os seus curmans os Muruais … Manuel Curros Enriquez, creada a Real Academia Galega en 1906 propúxoa como membro Correspondente da mesma, sendo aceptada como tal.
A súa sona véulle ó ser premiada a súa obra en numerosos xogos florais en castelan, pero, en especial, en galego, sendo o máis importante o Certame celebrado en Ourense, en 1887, en honra do Padre Feijóo polo poema “Defensa das mulleres” que tiña que ser imitación doutra co mesmo título de frei Benito Feixoo e por un cento de cantares e o romance “Casdemiro”. Recordemos que dona Emilia era a presidenta do xurado.

A súa personalidade poliédrica, sociabilidade, cultura e sensibilidade logrounas amosar na súa obra poética que a converteu nun dos referentes da poesía galega e española, sobre todo en galego; consideráronna a digna sucesora de Rosalía de Castro. Publicou cinco libros en castelán: “La letania Lauretana” (Ourense, 1878), “Penumbras” (Madrid, 1880), “Romances y cantares” (Ourense, 1885), “La luna coimbricense” (Santiago) e “Fe” (A Coruña, 1911) e un, o mellor, en galego: “Follatos” publicado en 1891 en Ourense.

“Follatos” é, sen dúbida, o seu texto máis importante no que recolle as obras premiadas no Certame literario de Ourense de 1887, adicado á “Infanta d´España Dona Sabela Francisca de Borbón”, marquesa de Náxera, sendo a primeira delas “Defensa das mulleres” na que fala de personaxes femininos ó tempo que inclúe outras poesías cun certo carácter relixioso e intimista; todas están escritas nun galego ricaz. Couceiro Freijomil, no seu libro “El Idioma gallego" opina sobre “Follatos”: “... basta para acreditar as dotes nada comúns de inspiración, delicadeza e ternura desta escritora, que xa na data da publicación do antedito libro fora varias veces laureada en numerosos certames”. Destacou as composicións Diol-o empare, Morriña e Lucía ás que cualificou como “sentidísimas e suxeridoras”.

Na súa obra trata o ámbito do ser humano con igualdade, sociabilidade, cunha firme crenza feminina á vez que feminista. Vai claro que demanda xustamente a igualdade do ser humano sen importar o seu xénero; daquela trasmite, con mestría única, a mensaxe da equiparación de dereitos esenciais do home e da muller; ó mesmo tempo defendeu a identidade propia da nosa terra e da lengua nativa.
Fotografia do enterro de Dona Filomena, publicada en varios xornais da epoca, entre eles Vida Gallega, e a Revista Nuñez (anuario de Betanzos 1926), na imaxen aparece o Alcalde da Coruña y Presidente da Academia de Estudios Gallegos, Don Manuel Casas, Don Eladio Rodriguez e  Anton Villar Ponte entre outros persoeiros

Filomena finou o 26 de febreiro de 1926; enterráronna no Cemiterio de San Vicente de Moruxo (Sada), ainda que non se coñece o lugar exacto da ubicación do sartego ó facerse a mediados do século XX reformas no mesmo. O seu pasamento foi sentido en toda Galicia, participando personaxes históricos da nosa terra.
--------------------------------------------------------------------------------

COUCEIRO FREIJOMIL, Antonio: “El idioma gallego”. Casa Editorial Alberto Martín. Concejo del Ciento, 140 y 142. Barcelona. 1935.

Pido desculpas a Fernando, e a todos os lectores, pola mala calidade das fotografías, pero e que considerei interesante utilizalas, pra que sepades que existe unha paxina que recolle moita prensa antiga de Betanzos http://www.hemeroteca.betanzos.net/, algun día en Ourense espero que teñamos outra. Teño que darlle as grazas o amigo David Simon Lorda, que foi quen me puso na pista desta fonte de información.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Le agradeceria que en vez de dejar aqui su comentario, me envie un mail al correo del blog ourensenotempo@hotmail.com.
De ese modo podria contestarle.
Gracias