Páginas

24/4/21

Fotografía na Revista Nós

 A fotografía na Revista Nós 

Co gallo do centenario da Ourensana Revista Nós, e comisariada polo amigo Afonso Monxardin, montouse unha excepcional exposición que nestes días se levanta na sala do Marcos Valcarcel; a modo de pequena contribución eiqui tedes o meu estudo feito da presenza da fotografia na revista. 

Supoño que debido ás limitacións técnicas da imprenta, e ao custo que podería supoñer a inclusión de fotografías nunha publicación deste estilo. Non foi precisamente profusa a aparición de fotógrafías en Nós.

Iso non quere dicir que non poidamos falar de traballos fotográficos ou colaboracións destes profesionais.
Dende o número 1 da revista de data 30 de Outono de 1920, aparece o anuncio publicitario de Don José Samaniego Piñeiro; non podemos dicir se se tratou dunha cuestión meramente publicitaria, dunha cuestión de amizade cos promotores da nova publicación aos que pretendía axudar, ou se como nos inclinamos a pensar, esa publicidade foi unha forma de pagamento ou agradecemento pola colaboración profesional do mestre Samaniego. Sexa como for, aparecen nos tres primeiros números anuncios de Samaniego, co formato que tedes de primeiro, e dende o número 4 ata o 12, con este outro.

  

O marxe deses anuncios, na revista aparecían unhas imaxes que a editorial citaba como fora de texto; entre as que figuran traballos de diferentes artistas, como son os debuxos de Castelao, A Voda de San Xoan que aparece no número 1 e A Tola do Monte no numero 2 ou o Retrato o carbón de Farruco Lamas do número 5 que aquí vos mostro. Esas imaxes como demostra o pé que aparece no último citado parece ser que se levaban a imprenta despois de ser fotografados por Samaniego, se ben a falta de datos só nos permiten aseguralo neste caso, nos demais debemos apuntalo como unha simple suposición.

 A maiores da publicidade de José Samaniego que como xa vos comentei mantivose ata o numero 12; encontramos no n.º 7 unha fotografía do doutor Leonardo Coímbra, ilustrando dous artigos que se publicaron na súa honra a raíz dunha visita que fixo naqueles días a Galicia, (descoñecemos o autor da fotografía).



  No nº8 dedicado á memoria do alcalde de Cork, Terencio Mac Swiney, heroe da loita irlandesa, aparece a fotografía de Mr. De Valera, Eduardo; presidente da asemblea constituínte de Dublín e a do propio Mac Swiney, ambas as dúas de autor descoñecido.

A partir do número 9 comezan a publicarse os artigos sobre arqueoloxía asinados na súa maioría por Florentino López Cuevillas, e que habitualmente aparecen ilustrados con fotografías, as deste primeiro número pola firma que aparece en dúas delas, sabemos que son da autoría do fotógrafo e impresor coruñés Pedro Ferrer, quen probablemente con anterioridade tivese recibido o encargo de realizar unha reportaxe fotográfica dos monumentos da provincia de Ourense, (a semellanza do Album da Comision). As catro fotografías que aparecen neste número, son da mansión de Aquis Querquernis, e da Igrexa de Santa Comba de Bande.   Continúan aparecendo no número 10 fotografías do Mestre Pedro Ferrer (supostamente), ilustrando os textos de Cuevillas, que nesta ocasión nos fala da Cibdade de San Cibran de Las.

   O número 11 orfo de imaxes, para encontrarnos no 12 a maior cantidade de fotografías da primeira etapa de Nós. Altérnanse nesta ocasión traballos de campo de Pedro Ferrer, con traballos feitos con toda probabilidade nas instalacións do Museo Arqueolóxico daquelas situado no actual Instituto Oteiro Pedrayo, por José Samaniego.

   No número 13 desaparece o anuncio do estudio Samaniego, pero continúan aparecendo traballos asinados por el na continuación do traballo de Florentino Cuevillas sobre San Cibran de Las; aparece tamén por primeira vez na Revista, unha fotografía publicitaria, trátase da que ilustra o anuncio da empresa Hermanos Rodríguez, (aparece tamén como Rodríguez Sánchez e Vázquez)


   As seguintes publicacións, non tiveron imaxes fotográficas, xa que  ata o número 18, no que ilustrando unha colaboración á sección arqueolóxica de don Florentino enviada por Don Ángel del Castillo (trata da eirexa visigótica de San Martiño, que antecedeu na situación á actual Santa María Madre), aparece unha fotografía obtida polo propio autor.

Complementando a sección arqueolóxica dese número, Cuevillas presenta o seu artigo, e engade unha referencia ao descubrimento dunha lápida, da cal nos mostra imaxe, pero sen identificar o fotógrafo.  Dende este número, ata o 24 só encontramos na contraportada a fotografía do anuncio da xastraría Crecente Da coruña. Se non temos en conta unha serie de debuxos que poderían ter sido fotografados, que aparecen nun artigo sobre arte popular galega de Fermín Bouza Brey no número 21.

 Teriamos que agardar despois ata o número 32 para encontrar outra fotografía, pero iso xa será outro dia, no que comentarei tamen os “cromos” que se incluiron en varios números. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Le agradeceria que en vez de dejar aqui su comentario, me envie un mail al correo del blog ourensenotempo@hotmail.com.
De ese modo podria contestarle.
Gracias