Páginas

10/1/11

O Progreso


Comeza un novo ano para o blog, e xa van catro.
Espero que os Reis foran xenerosos con todos vós, e así polo menos achades tido unha alegría entre tantas noticias nefastas e desagradables, que nos brinda a actualidade.
Para comezar o ano, e aproveitando o nome da principal arteria da cidade, gustaríame expresar o meu desexo, de que este ano, sexa o do Progreso.
Progreso que nos permita saír da situación na que actualmente nos atopamos; e non me refiro unicamente á mala situación económica, senón a todos os aspectos (educación, valores etc.), que nos últimos anos foron decaindo, e en gran xeito tamén inflúen en que nos resulte complicado saír desta, tan mala situación.
Pero imos deixar ese tema; non é obxectivo deste blog, tratar temas de actualidade, senón recordar temas do pasado, que se cadra son útiles, para evitar erros no futuro.
A fotografía de hoxe mostra "a Estrada". Proxectada en 1803, para unir Vigo e Villacastín; nos primeiros anos de existencia, era un polvoriento camiño de terra, embarrado durante case que todo o inverno chuvioso da cidade, a pesar diso, aos poucos foise convertendo no centro neurálxico da cidade; nos seus comezos, o Seminario, e o Hospital de San Roque, centraban a atención dos cidadáns, comezaron a xurdir cafés, e fondas que desen servizo aos novos estudantes do seminario, e aos familiares dos enfermos do San Roque, ao mesmo tempo, ía converténdose no feudo da pequena industria local, fabricas de madeira, e mobles, almacéns de materiais de construción, destilerías, etc.
Posteriormente os comerciantes na súa maioría foráneos, comezaron a ver nela a mellor localización para os seus negocios, e con eles os profesionais liberais. Posiblemente a localización do Banco de España, na rúa, contribuíse a esa nova situación, o almacén de Simeón, o caserón dos Pérez Bobo, que xamais chegou a utilizarse para a súa función primigenia, (fabrica de curtidos), e polo que pasaron case todos os organismos públicos, incluído durante un curto período, o Concello e a aparición da fonda dos Cuanda, posteriormente Hotel Roma, foi o toque definitivo, para convertela nunha rúa de categoría para unha cidade que quería comezar a "Progresar".

A imaxe do mestre asentado na Coruña Pedro Ferrer mostra A Estrada das últimas décadas do século XIX, na parte dereita, adivíñase a Fonda dos Cuanda, o almacén de madeira dos Sánchez, a Casa Álvarez coa súa inconfundible galería e tellado a dúas augas, o Banco de España, e a que supomos o numero 73, onde Don José Gil comezou no mundo da fotografía; pola esquerda e como datos máis significativos, fixarvos que aínda non está construído o centro cultural da Deputación (Edificio Simeón, co cal a fotografía debe ser anterior ao 1887), e parece distinguirse a falta de fiestras no edificio Espada, o cal fai pensar en que estaba en plena construción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Le agradeceria que en vez de dejar aqui su comentario, me envie un mail al correo del blog ourensenotempo@hotmail.com.
De ese modo podria contestarle.
Gracias