Páginas

10/12/09

A solución (Alfredo Manuel Cid Gonzalez)

Fotografía da colección de Don Santiago Mosquera
Xa me gustaria a mín ter a solución, non pra esta dubida, senon pra os problemas de verdade, pero non, dende logo que non a teño.
O que si que a ten e o amigo, Alfredo, quen no último intre enviou un mail que da solución a toda las dubidas, e achega gran cantidade de datos.
De feito decidín considerar a sua resposta, como unha entrada remitida por el.

"A primeira fotografía corresponde ó que se chamaba "Camiño da Fonte do Bispo" e hoxe debe se-lo final da rúa de Pura e Dora Vázquez. A última casa da esquerda, de baixo e planta, xa non existe dende que se urbanizou Villa Valencia sobre os anos 70. E detrás dela aparecen, transversais, outras dúas casas; unha debe de ser o 2 de Villa Valencia e outra, da que se ve unha esquina da fachada, é a propia Villa Valencia, así chamada porque a construíu o meu avó materno, Manuel González Valencia, casado con María Lage Valencia, a miña avoa. O avó púxolle o seu apelido para que os carteiros soubesen onde entrega-las cartas, xa que pola zona apenas había casas (de feito, nos recibos da luz dicía "Salto do Can") . Logo construíronse mais casas e por comodidade, a xente empezou a chamarlle Villa valencia a toda a rúa e "travesía de Villa Valencia" á actual rúa de Alexandre Bóveda.
A segunda está tomada uns metros máis a esquerda, evidentemente dende o outro lado do río (probablemente no que era lavadoiro das Burgas). A casa medio asolagada era a "taberna do Angelito". Detrás dela vese a da "Estrella" que era a dona da mercería que había no baixo, De alí ata o río había unhas construcións precarias, que seica se fixeron para substituí-las arrasadas na riada de 1945. Lembro unha perruquería, a tenda da "Paca" e un zapateiro remendón; establecementos todos dos que fun cliente. A taberna e a mercería estaban nun cruce no que á esquerda se ía cara Ponte Pelamios e á dereita por un camiño estreito que cruzaba a rúa de Villa Valencia pola parte de abaixo e logo seguía como "Camiño da Fonte do Bispo". Para pasar dende a recentemente derrubada Casa de Baños ata o camiño que subía a Ponte Pelamios e Villa Valencia, había unha pontella, tamén construída trala riada do 5, que con todo seguridade está debaixo do nivel do río. A zona estaba tan mala alumeada, que unha noite, que non funcionaba a bombilla de Casa de Baños (a seguinte estaba nun pau fronte á taberna do “Angelito”), empecei a notar mentres cruzaba a ponte unha humidade nos pes, e é que a auga xa me chegaba á altura dos nocellos e coa escuridade non se vía.
Na terceira se que me colledes un pouco despistado; pero pola falta de edificación nas beiras dos muros poderíase situar po entre o Parque Barbaña e o barrio de Portocarreiro, que daquelas era pouco máis ca monte.
Eu vivín media vida no 2º piso da Villa Valencia, Estas historias para min son cousa de onte pola tarde, pero entendo que, cos cambios que sufriu Ourense, semellen relatos da época dos castros polo menos".
Alfredo Manuel Cid González
Sabedes que o premio e humilde, e dou por feito, que Don Alfredo non tera inconvinte en compartilo con todos nos.
Eiqui tedes o prometido, a fotografía da Ponte Maior.
Con exactitude non podo dar a data (como case sempre), pero tendo en conta as fotografías que formaban o lote que me deixaron, penso que non debe ser anterior o 1890, nin posterior o 1915, xa sei que e un marxe moi amplio, pero non teño datos pra aproximalo mais, sintóo.
Poñovos a orixinal, tal e como mo deixaron; e o que tedes arriba. Abaixo esta unha das miñas chapuzas de retoque, agardo que sexa do voso agrado.
Grazas polos mails, que recibín, tentando botar unha mán, sempre son benvidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Le agradeceria que en vez de dejar aqui su comentario, me envie un mail al correo del blog ourensenotempo@hotmail.com.
De ese modo podria contestarle.
Gracias