Non pensedes que hoxe toca un comentario sisudo, sobre a chegada do primeiro corrixidor á cidade, nin do escudo da súa casa, (que menos mal que aínda conservamos), nin de nada verdadeiramente serio, ou si?.
Xa vos advirto que non me preocupei de contrastar datos, co cal é posible ca terrorífica historia que vos vou relatar só teña de certo, os feitos en si mesmos e o ano de ocorrencia."Na amable cidade de Ourense, alá polo ano de 1966, ocorreu un feito que estivo a piques de marcar para sempre (e fixoó, ao físico refírome), a este humilde cidadán, quero hoxe narravos o acontecido para que sexades vós quen xulguedes a malvada actuación de certas cidadás de longa saya.
Despuntaba unha mañá do mes de abril (a iso das 11), cando un grupo de infantes que plácidamente aplicábanse en ampliar coñecementos, (estabamos xogando nas nosas mini mesas, con forma redonda e creo recordar que tiñan un faldrillín), vense de súpeto sorprendidos pola entrada en "a clase", dunha alta señora, (certo é que a perspectiva daqueles anos podería ser enganosa, con catro anos o punto de vista é outro.), que dialoga por breves intres coa nosa acompañante habitual, (a que empezaba a intentar meternos algo de coñecemento nas nosas virxes seseras; algún dirá que nalgún caso estas aínda están pouco amobladas, que lle pregunten á miña nai) inocentes, os infantes non podían sequera imaxinar o que se lles aveciñaba.
Unha daquelas altas señoras, (supoño que unha sucesora da Irmá Filomena), co seu agarimo e amabilidade habitual, así como nun xogo, pídenos que nos poñamos en pé, formemos unha ordeada fila, e dispoñámonos a acompañala.
Por descontado que todos ao unísono obedecemos a tal demanda, e velaí, tesnos en fila, pegados ao muro, saímos pola porta principal, (hoxe coido que pouco utilizada polos alumnos), rumbo ao descoñecido.
Diante dese edificio que vedes na imaxe, fixéronnos agardar, non pasado moito tempo o primeiro da fila é invitado a acceder a un local do devandito edificio, breve espera, e ante o noso estupor vémolo aparecer envolvido nun choro inconsolabel, e "fretando" con avidez o seu delicado ombreiro dereito, sen demasiadas contemplacións é dirixido pola irmá directora de novo a "a clase".
Non se movía ninguén, (estabamos paralizados, unha suor frio e nalgún caso outros líquidos mais quentiños empezaron a fluír por aqueles tenros corpiños), se seica o seguinte da fila que de súpeto se viu abocado a seguir os pasos do compunxido compañeiro.
Eu que me atopaba estratexicamente situado a metade da fila, observaba con atención todos os movementos, presto a tomar unha decisión.
De súpeto a chegada doutras irmás ao local, cara ao que nos dirixiamos, fixo aumentar a cadencia dos retornos, momento que hábilmente aproveite para, "fretando" o meu ombreiro arremangado con anterioridade, mesturarme entre os camaradas que retornaban.
Ah!!!!, pero a alegría foi pequena, a irmá directora precavida e posiblemente afeita a xestos evasivos daquela especie, decatouse do meu hábil movemento, e aínda que fun capaz de chegar a "a clase", non tardou nada ela en acudirse en busca da miña atención.
(Advírtovos que a miña reacción non me fai aínda hoxe sentirme orgulloso, pero foi ditada polo instinto de conservación, co cal espero sexades capaces de desculpala).
Sentíndome acosado, a gran velocidade conseguín introducirme entre as patas da pequena mesa camilla que tiñamos para "estudar", e alí tapado polo que para min era un muro, crin sentirme protexido, de súpeto algo se introduciu entre as teas que me protexían, eu naquel momento pensei na garra dun feroz felino, e como tal (en defensa propia), asésteille un bo bocado, (cada un deféndese co que ten).
Para non aburrirvos máis, direivos que as irmás decidiron esperar a que chegase a miña nai, á que avisaron ante o cariz que tomaban os feitos, e ela conseguiu facerme saír do meu refuxio.
Non pensedes que o final foi feliz, isto non é un conto, é a crúa realidade, ao día seguinte nos locais da Cruz Vermella, (praza da Fonte do Rei), fun vacinado como marcaba a normativa, e gardo como moitos de vós o recordo de tal día tatuado no meu ombreiro.
Espero conseguir unha risa vosa, de non ser así pido desculpas polo tamaño da entrada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Le agradeceria que en vez de dejar aqui su comentario, me envie un mail al correo del blog ourensenotempo@hotmail.com.
De ese modo podria contestarle.
Gracias