Consejos y avisos

Os recomiendo visitar los dos blogs, ya que a partir de ahora los días que haya entrada en www.Ourensenotempo.com no la habrá en http://ovrense.blogspot.com y viceversa.

Mail ourensenotempo@hotmail.com

20/2/15

O COLISEO XESTEIRA I (Francisco X. Fernández Naval)



Esta semana todo foi carnavales e colaboracións.
Non é habitual facer entradas tan extensas, pero creo que nesta ocasión non había outra opción. Chisco viuse obrigado a comprimir os seus recordos, en tres entradas  que sei  van resultar do voso agrado.
 Hoxe a primeira, e o martes e venres próximo as outras dúas.

    Hoxe preséntovos a magnífica achega do escritor Francisco X. Fernández Naval, (Chisco), quen nos regala parte dos seus recordos sobre un dos chorados salóns de cine que tivemos en Auria:

 O Coliseo Xesteira
    Cando paso pola actual rúa ourensá da Concordia, antes Capitán Eloy e antes primeiro tramo da Avenida de Bos Aires, non podo deixar de sentir unha certa mágoa ao ver en que derivou o local do Coliseo Xesteira. Unha mala xestión familiar da herdanza recibida e un nulo interese das institucións por manter e conservar un patrimonio que foi privado e público ao tempo, deu este abandono.
Conservo un álbum con gardas de coiro e cubertas de raso, que conta parte da historia de Manuel Fernández Borrajo ou Manuel Xesteira, meu tío avó, fundador do cine. Nas súas páxinas interiores, con versos de Rubén Darío (Yo soy aquel que ayer...) ou de Ruskin (Tan firme y constante/ como la luz que nace...) vaise narrando a construción do edificio que alberga o cine, con fotografías do momento da inauguración e recortes de prensa que saúdan a apertura do local, poñendo énfase na decisión de darlle un nome en galego. As obras execútanse durante os anos 1938 e 1939 e a inauguración quizais ten lugar o día 4 de xaneiro de 1940, aínda que iso non está claro.
   Eu digo sempre que medrei aí, nese cine, entre o patio de butacas, ao que accedín, case sempre, pola porta do corredor da esquerda, o que levaba aos baños e ao despacho do meu pai, situado nun altiño, con fiestra circular sobre o corredor e que abría ata a metade, por ter dous puntos que actuaban coma eixo. O despacho estaba dividido en dúas partes, o que fora do meu tío avó Manuel Xesteira, fundador da empresa Xesteira, que deu o cine, o local de té, o café e o salón de xogos, todo no mesmo edificio, pero tamén, desta vez en sociedade cos Perille, da empresa de transporte de viaxeiros, que tiña as cocheiras no Túnel, entrando polo paseo, hoxe Galerías Centrais, e adxudicataria dunha das liñas entre Ourense e Verín. Esa parte do despacho, de estilo americano, lembraba aos que se vían nas películas de Borgart. Na outra parte meu pai, detrás dunha enorme mesa de madeira, con máquina de escribir Remington e unha calculadora manual, prehistórica, na que os números íanse compoñendo con panquiñas, (unha para as unidades, outra para as decenas, centenas, millares...) que a min sempre me fascinou e que meu pai manexaba con habilidade e precisión, levando con ela a contabilidade do cine, tanto dos cartos, como dos tacos de entradas.
   Para un neno ou un adolescente, ese espazo do meu pai era un mundo marabilloso, porque estaba cheo de “cadros”, afiches ou fotogramas ampliados das películas que ían vir e que se ordenaban en andeis de madeira, segundo a data de programación, e aínda outros que quedaran por alí. Os cadros colocábanse nos exhibidores exteriores e nos do vestíbulo. Nalgún lugar perdido gardo unha imaxe de Claudia Cardinale en viso negro, da que namorei dende que vin a película Belido, honesto, emmigrado a Australia, quere casar con moza. Daquel universo provén o cartel orixinal de Só diante do perigo que teño no meu estudio. 
   Na lembranza de moitos ourensáns sobrevive a memoria do meu tío avó, un home de idade, groso e baixo, que todos os días, na primeira sesión da tarde, sentaba na última fila, na butaca que quedaba á dereita da porta central, malia ter reservado un dos palcos. Sentaba alí e, en canto apagaban as luces, durmía e roncaba. De neno eu chamáballe “O tío pelleta”, porque era unha peseta o que me daba sempre que me vía. Vivía no segundo andar do edificio do cine. Eu non teño constancia diso que se di, de que dende a vivenda vían a pantalla. Unha lenda urbana, creo que era. Tamén meu pai forma parte desa memoria colectiva. Moita xente me ten falado dun home alto, que sempre estaba de pé, na porta, discretamente situado despois do porteiro, controlando a entrada. E si, era el, Paco Fernández ou Paco Xesteira, que as´o coñecían na cidade. Unha das preocupacións que tiña era evitar multas gubernativas por deixar pasar a persoas de idade que non coincidían coa clasificación dada á película pola censura: tolerada, catorce, dezaoito anos. Moitas veces, mesturándose cos espectadores, estaban os policías da social, controlando e levantando acta da infracción. El situábase xunto a porta por reforzar a acción dos porteiros, que en películas de moita afluencia, bastante tiñan con cortar as entradas. Non soportaba aos policías, pero supoño que a empresa facía recaer sobre os empregados toda a responsabilidade do control.
   O Coliseo Xesteira, no seu momento, foi un dos paradigmas de salas cinematográficas a nivel español. De feito, existe constancia documental de que os técnicos que deseñaban o cine Palafox de Zaragoza, viñeron a Ourense a estudar a iluminación e acústica do Xesteira. Probablemente é lembrado como sala de exhibición cinematográfica e non como teatro, pero orixinariamente cumpriu as dúas funcións, ata que chegou o TODD-AO, sistema de gravación e proxección con resultados excelentes, consistente nun negativo de 72 mm., con 5 perforacións de arrastre a cada lado do fotograma e unha velocidade de 30 imaxes por segundo e 6 pistas de son, cinco saíndo por detrás da pantalla e unha, en sensurround, que envolvía o auditorio. O resultado do TODD-AO na historia do cine considérase extraordinario, pero requiría pantalla cóncava fixa, cunha curvatura de 128º. A empresa Fraga que daquela rexentaba xa por aluguer a sala, e tamén o teatro Losada, decidiu dedicar o Xesteira a cine en TODD-AO e o Losada a representacións teatrais e musicais e cine convencional, con sesión continúa. Eu sempre pensei que a primeira película que se estreara no Xesteira con este sistema fora A conquista do oeste, dirixida por Henry Hathaway, George Marshall, John Ford e Richard Torpe. Lembro a estrea dese film e conservo a sensación de conmoción que me produciu o me sentir fisicamente metido nas historias, en particular na escena dunha escorrentada de búfalos. Pero non. Agora sei que esa película estaba feita co sistema anterior das grandes producións, o Cinerama.

    O TODD-AO trouxo ao Xesteira películas filmadas nese formato como: A volta ao mundo en oitenta días, que supoño sería a primeira, con Cantinflas, David Niven Shirley McLaine e as aparicións de Frank Sinatra, Marlene Dietrich ou Buster Keaton; Oklahoma; A Biblia de Huston; Cleopatra de Mankievicz, con Elizabeth Taylor e Richard Burton; Sorrisos e bágoas de Julie Andrews; Hello Dolly, con Barbra Streisand e Louis Armstrong; As sandalias do pescador, con Anthony Quinn; Patton; 2001 unha odisea no espazo, coa que eu fundei o meu propio club de fans de Stanley Kubrick ou Aeroporto. Moitas desas películas vinas en sesión de sábado pola noite, coa miña nai e miña irmá. Íamos e regresabamos os catro xuntos, xa de madrugada, contentos e felices. As últimas feitas en TODD-AO, que eu lembro ver na sala foron A fuga de Logan e Conan o bárbaro. Utilizo para as traducións dos títulos ao galego, as versións en castelán, aínda sabendo que algúns non coincidían co título orixinal, pero esa versión castelán forma parte da nosa educación sentimental.

No hay comentarios: