Consejos y avisos

4/10/11

O tesouro da casa do Alba

Revisando os envíos que a miña irmá fíxome desde o mosteiro de Poio, atopei dous articuliños que falaban, aínda que achegando moi pouca información, da antiga casa da misa do Alba.
Esta construción, que durante bastantes anos, deu nome á actual Cardeal Quiroga/Alejandro Outeiriño, foi un dos meus obxectivos desde os comezos do blog. Non é que tivese moitas esperanzas de atopar imaxes dela, case podo dicir que a tiña conceptuada como os exemplares do El Gracioso de don
Xan da Coba, aínda que desde logo non tanto como as fotografías da primeira construción da nosa ponte romana. O caso é que grazas ao noso amigo Federico Román Alonso, e porque non dicilo, tamén a Don Marcelo Macías, (non estou seguro do nome do fotógrafo, polo cal non podo agradecerllo, é posible que fose un profesor do inst... non o sei, deixemolo aí), esa fotografía a chegado ás miñas mans e na entrada que nos facilito Federico facendo clic aqui podedes vela completa. Existe tamén unha ilustración que a mostra, pero ese é outro tema.
Imos á entrada que se non vai ser moi extensa.
No diario El Derecho de 25 de setembro de 1892, dannos conta, do achado durante a derriba da casa do Alba, de “... una cantidad respetable de monedas en oro y plata, acuñadas á principio del siglo actual”. Habemos de supor que ese tesouro, non pertencía á confraría da Misa do Alba, últimos moradores do edificio, se coñecesen a súa existencia, loxicamente levariannas con eles. Co cal os propietarios cos datos que nos achega Federico poderían ser os condes de Taboada, por certo, fundadores do convento de Oseira, ou os de Maceda, sexa como fose, dada a pouca información do artigo, descoñezo que se fixo con ese tesouro, pero me inclino a pensar que forme parte das propiedades do noso Arqueolóxico, preguntareino.

A outra noticia atopada, fálanos dun accidente laboral sufrido por dous dos canteiros que traballaban na obra, a referencia é tamén do diario El Derecho, pero esta vez de data 16 de decembro do 1892.

“Ayer han tenido la desgracia de caerse de una de las paredes de la casa que está edificando en la Plaza del hierro el señor Aperribay, dos canteros que allí estaban trabajando.
Con graves contusiones, fueron conducidos al hospital provincial."

Chámame a atención, que o diario soamente faga alusión ao Sr. Aperribay, cando polos meus datos na construción dese edificio, como demostran as inícialles gravadas na súa fachada, tamén participaron, os seus socios, Yebra e Pimentel.
Como vedes, máis que artigos, trátase de simples reseñas, e a pesar de que a primeira ten certo interese, non puiden atopar noutras publicacións da época ningunha referencia ao tema. Ao tratarse dun edificio tan singular, seguirei dándolle voltas ao tema.

O que se fixen, para ilustrar a entrada, foi xogar un intre co programa de retoque fotográfico, intentando poder mostrarvos o que debía de ser o aspecto que este edificio presentaba nos seus primeiros anos de existencia. Se comparades coa fotografía que me prestou Federico Román, o recorte que hoxe vos mostro, veredes a recuperación dalgunha das fiestras, e a apertura dun dos dous presuntos arcos que se adiviñan na fachada; o outro non o modifiquei de momento, porque estou intentando pescudar, se a pequena porta que se ve á dereita, puido existir nun principio, cousa que dubido, co cal é posible que a fachada tivese inicialmente soportais, como os edificios que lindan con ela.
Deixarémolo pendente ata a aparición de máis datos.

No hay comentarios: