Consejos y avisos

22/9/11

La Favorita

Fotografia cedida por Francisca Castro Bermudez; o seu pai, e quen aparece na  porta da Favorita, de aquelas era o representante de Cola Cao para Ourense.

Pensaba deixar pasar un tempo pra dar detalles desta rúa, logo da presentación do libro de Arturo Vispo, Crónicas dunha rúa collage da Paz/rúa dos Zapateiros, para darvos tempo a lelo, pero aínda que o intentei, non fun capaz de aguantar máis.

Supoño que cada un de vós ten os seus propios recordos da nenez, asociados a persoas, situacións, sitios etc. No meu caso un deses recordos, vén da man deste local que hoxe vos mostro na fotografía. A tenda de comestibles e ultramarinos La Favorita. (Paz 27)
Fai case nada, cando eu era un neno, (alá polo 68,69 e arredores), aínda que a moitos póidalles parecer incrible, non existían Supermercados, nin desde logo Grandes Superficies, (nin outras moitas cousas, sen as que por fortuna, heroicamente conseguimos sobrevivir); o máis parecido a iso que había, eran as Prazas de Abastos, unha na Alameda e outra na Ponte, igual que hoxe, (aínda que moitos non o recorden....). Nas prazas, atopábase o que se chamaba de diario, carne, peixe, froitas e verduras (o Rianxo), non era estrano atopar, os bloques de xeo necesarios para o refrixerador de casa, sementes, pensos, animais vivos con destino á cazuela como polos ou patos, en ocasións demasiado noviños, co que cumprían un dobre obxectivo, xoguete infantil durante un período de engorde, e alimento cando chegaban á idade apropiada, (outro día falareivos de porque iso non era un bo costume, e non o digo polo que poidan opinar os da protectora de animais)etc.
O que resultaba difícil de atopar alí, eran os artigos de despensa, embutidos, conservas, especias, salgaduras, bebidas etc. Para iso estaban as tendas de ultramarinos; diseminadas por toda a cidade daban servizo ao modo das hoxe inxustamente pouco valoradas tendas de barrio.
Por proximidade, as que eu máis visitaba eran cinco, Plus Ultra (na Avda. de Pontevedra), O Salat (na Barreira), O Mariano (na Praza), Santorum (en Progreso á beira mesmo da miña casa), e por fin, La Favorita (rúa da Paz); o seu nome xa o indicaba, era para min e a miña irmá (que me corrixa se me equivoco), a preferida; non podo dicir se era pola amabilidade do seu dono, un viejecillo do que non lembro o nome, ou a dos seus fillos uns hombretones simpáticos e traballadores, que en ocasións, poucas, deixábanme utilizar aquel longo bastón con dedos que se usaba para coller as botellas nos afastados andeis da parte de arriba. Sen restarlle merito a todos eles, agora e co tempo mudando a perspectiva, inclínome a pensar que a causa de que fose a nosa favorita, é que a ela adoitabamos ir acompañando á nosa avoa, e ela sempre atopaba na carteira algo solto para comprarnos unhas caixiñas de caramelos de cores, que nós chamabamos reconstituintes. Que tempos aqueles..... Outro día seguiremos.
Un recordo para Ramonita.

Coa entrada xa feita, coméntanme que faleceu Don José Alvarez Santorúm o último dono da tenda de ultramarinos da rúa Progreso, o meu máis sentido pésame á súa familia.

No hay comentarios: