Consejos y avisos

16/3/09

A alameda no 38

"Hestorea é hestorea", esta frase de Don Ramón, (supoño que de máis xente, pero eu escóitella dicir a el en máis dunha ocasión, neste galego non normativizado), vén a conto para presentarvos estas imaxes, forman parte dunha fabulosa serie de fotografías que me prestaron. (teño que preguntar se estou autorizado a pór o nome de quen mas cede, esquézinme de facelo, porque só tiña ollos para elas).
Corría o ano 38, mes de xullo, día 13, xa a data de por se é clarificadora, estamos inmersos en plena guerra civil, aínda quedaba case un ano de sufrimento e dor, Ourense habemos de recoñecer que comparativamente con outras provincias, foi das máis afortunadas, nela non se produciron sanguentos combates, iso posiblemente dese lugar a que manifestacións como esta que se ve nas imaxes tivesen como marco a nosa cidade, aínda que neste caso existían razóns obxectivas para a súa realización na cidade, Don José Calvo Sotelo fora elixido Deputado en dúas ocasións pola Provincia de Ourense.
O que o espectacular cinematógrafo está gravando, (se alguén ten esa gravación ou calquera outra anterior aos 50 agradeceríaselle que deixase que a vexamos todos os Ourensáns), era un acto con dous partes ben diferenciadas:
En primeiro lugar, "Funerais á memoria de Don Jose Calvo Sotelo", coa presenza e alocucións dos Sres. Ministros de "Facenda", "Obras Publicas", "Organización e Acción Sindical", e de "Educación Nacional".
E por outra banda, xúra de bandeira dos novos alféreces de Ávila.
Ademais do precioso cinematógrafo, chama a atención o espectacular estrado montado para o acto, os estandartes, que recordan aqueles que as tropas de Xullo Cesar levaban á batalla, cos nomes das vilas e pobos da Provincia, así como o busto de Franco, que se non me equivoco estivo posteriormente na actual delegación do goberno.
En breve ensinareivos outras imaxes do día.

No hay comentarios: